Alfonso Rueda: «Seguiremos facendo de Galicia unha terra traballadora, aberta, solidaria e que progrese sen perder nunca as súas raíces»

por 21 Noticias

Nun acto celebrado no miradoiro do Cabo do Mundo, no concello lucense do Saviñao, o líder dos populares galegos afirmou que poucos lugares poderían ser tan simbólicos como a Ribeira Sacra –candidata a ser declarada como Patrimonio da Humanidade– para escenificar  «o que é Galicia e o que queremos que siga sendo».

«Somos o partido que máis se parece a Galicia e queremos seguir demostrándoo non só na véspera do noso día grande, senón os 365 días do ano. E queremos facelo con traballo e unión, movéndonos polos intereses dos galegos e das galegas moito máis que polos intereses partidistas», reivindicou avogando por construír entre todos un proxecto común «no que non sobra ninguén».

GALICIA, UNHA TERRA ÚNICA

Ao acto, no que o alcalde Juan Carlos Armesto exerceu de anfitrión, tamén asistiron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, deputados, senadores e outros representantes do partido. Todos eles desfrutaron do talento da cantante e compositora Carolina Rubirosa, que interpretou O teu camiñar e o himno galego.

O responsable de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, José López Campos, enxalzou Galicia como «un territorio e un pobo únicos con paisaxes, cultura e lingua propias que activa todos os seus recursos para progresar día a día constituíndose como unha das comunidades autónomas referentes en España, pioneira e vangardista en moitos ámbitos da nosa realidade social».

Unha Comunidade que, ademais, «a forza de tesón, traballo, cordura e valentía», soubo situarse entre os pobos máis prósperos dunha Europa que se construíu «camiñando a Santiago de Compostela para honrar a un Santiago Apóstolo que é o patrón de toda España».

Sinalou tamén que, coa apertura do «novo ciclo» que supuxo a primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda, os populares galegos asumen «a responsabilidade de non perder nunca a esencia do que somos, do que representamos e dun ideario que nunca será outro que o servizo incondicional e honesto ao pobo galego coa finalidade de dotalo de benestar, convivencia, modernidade e confianza no futuro».

«Desde un posicionamento centrado, tolerante e con amplas dotes de sentidiño, celebramos este 25 de xullo desde unha terra que está demostrando ser máis acolledora que nunca, tanto para os fillos e netos dos nosos como para os que desde latitudes distantes buscan entre nós ese mesmo fogar que os nosos devanceiros atoparon sempre alén do mar. Por todos eles, por todos os galegos e galegas, e desde esta terra única, proclamamos un feliz Día de Galicia», concluíu.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario