O goberno bipartito de Samos cambia o nome das festas do patrón e algúns veciños xa lles chaman as festas de ‘San Camiño

por Redacción Lugo

O portavoz do PP de Samos, Miguel Gallego, lamenta que “o goberno bipartito cambie o nome das festas grandes de San Benito, patrón de Samos, polo de Promoción do Camiño Francés 2023. É a primeira vez na historia de Samos que non se nomea ao patrón nas festas na súa propia honra e que algúns xa chaman as festas de San Camiño”.

O popular subliña, ademais, un novo incumprimento porque “prometeron tres días de festa con grandes actuacións”, pero, segundo o programa, “vemos que será unha pancetada e un grupo musical para celebrar o día grande, cunhas charangas e unha actuación que se pode considerar repetida porque se trata dunha cantante que estivo en Samos fai menos dun ano e que tanto criticaron naquel momento”. É unha contradición que “daquela non valese, pero agora si”.

Gallego lamenta “a falta de implicación económica por parte do Concello como queda claro no cartel promocional”. Nese sentido, condena que “si que haxa cartos para subir o soldo da alcaldesa, pero non para cumprir co prometido aos veciños como era facer unhas boas festas patronais para todos”.

Para o popular este é “un novo exemplo da gran xestión que está a facer o bipartito”. Por un lado, “a alcaldesa nacionalista, cambiando o nome das festas, parece desvincularse das tradicións seguindo os pasos da rexedora de Santiago de Compostela que non asistirá á Ofrenda ao Apóstolo”. E, por outro, “a pesar de que algúns membros levan 16 anos no goberno, parece que non saben organizar nada”.

INCUMPRIMENTOS E PRIMEIRAS VECES NA HISTORIA DE SAMOS
O popular subliña que “este é o goberno dos incumprimentos e das primeiras veces na historia de Samos, en cambiar cousas para mal”. Gallego indica que “prometían atender aos maiores, facer unhas boas festas de San Benito e, antes de chegar ao goberno, reivindicaban a apertura das piscinas para o 1 de xullo; pero non están a cumprir ningunha destas cousas”.

Así mesmo, este goberno bipartito “tamén suma outra nova primeira vez na historia de Samos cambiando o nome das festas do patrón, despois de que tamén sexa o primeiro da historia en non cumprir a lei sobre a distribución dos grupos municipais no salón de plenos; xa que a súa intención é a de que os concelleiros do Grupo Municipal Popular sentemos separados”.

Etiquetas ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario