A alcaldesa asistiu á clausura desta modalidade de Campamentos de Verán que busca fomentar hábitos de consumo responsable
A alcaldesa, Inés Rey, asistiu esta mañá a unha sesión da Escola de Verán da OMIC (Oficina Municipal de Información ao Consumidor), que se desenvolvía no Centro Municipal de Emprego. A rexedora estivo acompañada pola concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas. Este programa anual está integrado na extensa oferta de Campamentos Municipais de Verán do Concello da Coruña.
A alcaldesa quixo comprobar de primeira man o desenvolvemento deste programa e entregoulle aos nenos e nenas participantes un libro de agasallo por parte do Concello. «Os campamentos de verán ofrecen ás familias coruñesas múltiples opcións para que os seus nenos e nenas leven a cabo actividades nestes meses sen clase», apuntou Inés Rey.
A Escola de Verán da OMIC, pola súa banda, busca educar en materia de consumo, promover hábitos de consumo responsable e solidario e promover valores de convivencia, igualdade e respecto mutuo. Este é un programa destinado a nenas e nenos de entre 4 e 10 anos de idade que se desenvolve no mes de xullo en horario de mañá con actividades lúdicas centradas no consumo responsable.
«É importante que os nenos e nenas tamén empreguen o seu tempo no verán en aprender cousas novas, sobre todo a través de actividades lúdicas como as que ofrece esta Escola de Verán», indicou Inés Rey. O programa desenvolveuse en dúas quendas, nas que se facilitaron ferramentas que garantan a adopción de bos hábitos de seguridade, facendo usuarias e usuarios conscientes da súa propia responsabilidade en relación co uso das novas tecnoloxías, e coñeceron a importancia da compra de proximidade para manter unha alimentación sa e equilibrada.