Medio Rural reforza a súa colaboración cos técnicos de muxido a prol da mellora da calidade do leite galego

por Redacción Galicia

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias mantivo un encontro con responsables da Asociación Galega de Técnicos de Muxido (Agatem), que amosaron ademais a súa preocupación pola falta de remuda á fronte do colectivo.

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo esta mañá unha reunión con representantes da Asociación Galega de Técnicos de Muxido (Agatem). O encontro serviu para avanzar na colaboración en materia de mellora da calidade do leite galego, potenciando o labor que levan a cabo estes técnicos.

Na xuntanza, o representante da Consellería do Medio Rural coincidiu con estes profesionais en destacar que a calidade do leite das explotacións gandeiras galegas é clave no desenvolvemento competitivo do sector. Neste sentido, José Balseiros puxo en valor os esforzos da Xunta nesta materia, que se canalizan fundamentalmente a través da Estratexia de dinamización deste eido produtivo, unha folla de ruta que ten entre as súas liñas estratéxicas de traballo o fomento da calidade do leite e da súa transformación na nosa comunidade.

Os responsables de Agatem trasladaron tamén a súa preocupación polas dificultades que están atopando para facer efectiva a remuda da directiva da asociación, pois os seus integrantes están xa preto da xubilación, polo que fan un chamamento xeral aos técnicos para que se impliquen nestas tarefas.

O colectivo está integrado por máis de medio cento de profesionais, que dispoñen da correspondente autorización e cualificación da Consellería do Medio Rural para realizar as revisións dos equipamentos de muxidura e tanques de frío nas explotacións da nosa comunidade autónoma.

Entre os obxectivos desta asociación está o de fomentar o desenvolvemento sanitario e económico do sector gandeiro galego e participar na formación empresarial e profesional dos seus membros, así como colaborar coa administración no campo dos sistemas de manexo e control, cara propiciar unha mellora das prácticas na produción láctea

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario