As dilixencias abertas polo Xulgado de Noia, grazas á denuncia de Ecoloxistas en Acción, seguen en marcha, pero ante as declaracións do fiscal xefe de Medio Ambiente, Antonio Vercher, anunciando o arquivo do expediente aberto pola súa oficina, a organización ecoloxista cre que a comparecencia do Estado na causa xudicial reforzaría a súa acusación popular contra os causantes do desastre ambiental.
«Se son certas as declaracións da conselleira de Medio Ambiente galega que nega actuacións xudiciais impulsadas polo Estado, resúltanos bastante anómalo que a día de hoxe nin a Xunta nin o Goberno español estean a defender xudicialmente os intereses de galegas e galegos«, declara Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.
López asegura, ademais, que é fundamental que haxa consecuencias penais para a navieira propietaria do portacontedores Tuconao, causante da vertedura, algo que axudaría a acabar coa impunidade para contaminar coa que operan estes grandes armazóns societarios.
Ecoloxistas en Acción cualifica de «moi negativo para o proceso xudicial aberto» que a Unidade Especializada no medio Ambiente da Fiscalía Xeral do Estado —que abriu dilixencias de investigación por este suceso o pasado mes de xaneiro— considere agora que a vertedura de 26 toneladas de pélets de plástico nas praias galegas entre decembro de 2023 e xaneiro de 2024 ten «pouca entidade», polo que está a piques de ser arquivado.
A organización ecoloxista tamén tacha de «lamentables» as declaracións da conselleira galega de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen se congratula da decisión da Fiscalía de arquivar as dilixencias, cando esta decisión é claramente contraria aos intereses de Galiza.
Un proceso longo
Ecoloxistas en Acción está a prepararse para un proceso xudicial a longo prazo, lembrando o precedente da catástrofe ambiental causada polo Prestige nas costas galegas en 2002, cuxo proceso se alongou máis de 16 anos e concluíu quedando libres todos os imputados en relación ao cargo de delitos contra o medio ambiente.
A pesar diso, segundo a organización ecoloxista, a acción xudicial agora iniciada é fundamental para determinar a responsabilidade civil e para poder obrigar á empresa propietaria do buque e a súa aseguradora para abonar as indemnizacións que correspondan polo dano causado, garantindo que se cumpre o principio de «quen contamina paga». Neste caso, Ecoloxistas en Acción solicitou ao Xulgado de Noia que se impoña unha caución de 10 millóns de euros á navieira do Toconao.