Momi Maiga, Descofar e Camille Levecque pechan a 11ª edición do NoiaHarp Fest

por Redacción Galicia

O Claustro de San Francisco e a Praza do Tapal acollerán este sábado 10 os tres últimos directos -de acceso gratuíto ata completar capacidade dos recintos- do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, que bota mañá o pano.

O Noia Harp Fest despedirase mañá da súa 11ª edición con tres concertos de altura e que terán lugar en dous espazos emblemáticos da localidade coruñesa: o Claustro de San Francisco e a Praza do Tapal. O virtuoso percusionista senegalés Momi Magia, a francesa Camille Levecque e os bretóns Descofar porán o ramo ao Festival Internacional de Arpa Vila de Noia con tres actuacións que, de seguro, quedarán para o recordo do público asistente.

A xornada comezará ás 19.00 horas coa estrea do Claustro de San Francisco (Casa do Concello) coma nova sede do Noia Harp Fest, que acollerá o recital da intérprete francesa Camille Levecque, quen volve
formar parte do cartel logo da súa participación no ano 2017 co espectáculo infantil e xuvenil El arpicuento. Nesta ocasión, será un concerto íntimo -entrada de balde e libre ata completar a capacidade do
espazo- no que o público do festival poderá coñecer, desde a proximidade, o traballo desta recoñecida arpista, quen ademais de actuar nas mellores salas europeas con formacións orquestrais, tamén ten colaborado con artistas como Mike Oldfield, Hélène Grimaud ou Benoit Fromanger.

Xa pola noite, a partir das 21.00 horas, a emblemática Praza do Tapal acollerá dous directos -cuxo acceso tamén será gratuíto- nunha noite marcada pola experimentación e pola estrea en Galicia dos seus
protagonistas. A sesión comezará con Descofar, un trío bretón que se define como “un híbrido do alento melódico da música bretoa, a potencia do post-rock compacto e a intensidade inmediata da improvisación”. A banda de Brest pasa da disonancia ao lirismo, e dos arpexos brillantes aos riffs ruidosos, todo coa intención de reivindicar a emoción a través do son. O seu primeiro LP, Chimera (2022), mestura temas orixinais, composicións tradicionais e cultura rock. O movemento estará garantido.

A continuación, o peche do 11º Noia Harp Fest chegará tamén co debut en Galicia do cantante e intérprete senegalés afincado en Cataluña Momi Maiga, virtuoso da kora e atrevido compositor, quen presentará o
seu primeiro disco, NIO, no que combina o jazz étnico, o flamenco e os son das súas raíces mandinka. Sobre o escenario, a partir das 22.00 horas, os sons da kora, do violín, do violonchelo, da percusión e da
voz (Maiga canta principalmente en mandinka e wólof) ofrecerán unha viaxe sonora espectacular entre os límites da creación musical contemporánea e da tradición oral de Senegal.

NOIA HARP FEST

O Noia Harp Fest celebra a súa 11ª edición do 8 do ao 10 de agosto. Trátase  do único evento cultural do noroeste peninsular que ten como eixo vertebrador interpretación musical a través da arpa. Bandas e
solistas chegadas de Alemaña, Escocia, Francia, Senegal e Ucraína, ademais do talento local, forman parte dun cartel ateigado de talento e pluralidade estilística.

O Noia Harp Fest, dirixido por Rodrigo Romaní, Beatriz Martínez e Alba Barreiro, e que conta co apoio do Concello de Noia, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, ten
neste 2024 seis escenarios: a Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia, a Praza do Tapal, o Claustro de San Francisco e a Rúa do Curro. Toda a información sobre as bandas,
solistas e horarios dos concertos pódese consultar en www.noiaharpfest.gal [2].

AXENDA NHF | 10 DE AGOSTO

19.00h – Claustro de San Francisco | Camille Levecque (Francia)
21.00h – Praza do Tapal | Descofar (Bretaña)
22.00h – Praza do Tapal | Momi Maiga (Senegal)

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario