O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración da 62ª edición da Festa do Pulpo do Carballiño, a única festa gastronómica da nosa provincia que conta coa Declaración de Interese Turístico Internacional.
«Desde a Deputación estamos tremendamente orgullosos de apoiar ano tras ano, esta celebración contribuíndo así a poñer en valor a un dos maiores e mellores embaixadores da nosa gastronomía, maridado coa viticultura de calidade», afirmou Luis Menor. Ao fío disto, salientou a idoneidade de dedicar esta edición á Denominación de Orixe do Ribeiro, «institucionalizando esa relación histórica entre dous produtos que se fusionaron en todas as celebracións das xentes das comarcas do Ribeiro e do Arenteiro e fóra delas».
Na súa intervención, Luis Menor destacou a capacidade de atracción que ten a nosa enogastronomía, «un dos atributos máis valorados polo visitante dentro da nosa oferta turística, e que xunto ao termalismo, á natureza e ao patrimonio, conforman un dos recursos cabeceira de Ourense, a provincia termal, que tamén é unha das sinais de identidade do Carballiño».
Tamén quixo felicitar ao Concello do Carballiño por traballar na cooperación con outros países, «como é o caso deste ano asinaron un protocolo de colaboración co concello italiano Noventa Padovana, xa que Italia é un dos países dos que Galicia recibe máis peregrinos».
O presidente provincial felicitou ás pulpeiras e pulpeiros por ser capaces de transmitir «o seu saber facer de xeración en xeración desde hai séculos, e que conservan un valioso patrimonio inmaterial». Unha felicitación que fixo extensiva a todos os que participaron un ano máis na elaboración desa xigante tapa de pulpo que logrou marcar un novo récord mundial.