O Consello Xeral do Poder Xudicial firma un acordo coa UDC para impartir cursos de galego aos xuíces

por 21 Noticias

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), dentro dos plans de formación dirixidos á carreira xudicial, subscribiu un convenio de colaboración coa Universidade da Coruña para que imparta cursos de lingua galega aos xuíces/zas. O coñecemento do idioma cooficial é recoñecido como mérito preferente nos concursos para optar a unha praza nos órganos xurisdicionais da comunidade autónoma. 

A organización das accións formativas, nas que participarán un máximo de 30 xuíces/zas, constará de dous niveis: o de iniciación e o de usuario independente. O CXPX, tal e como acordou a súa comisión permanente, investirá un máximo de 23.220 euros na actividade, os cales abonará á Universidade da Coruña, que se encargará da realización dos cursos, elaborando e achegando material didáctico específico, así como de facilitar a subscrición a talleres en liña oito semanas despois de finalizar a actividade, co obxectivo de reforzar as habilidades de conversa.

No Título III do Regulamento 2/2011 da Carreira Xudicial regúlase a valoración do coñecemento do idioma cooficial e do Dereito Civil propio como mérito preferente nos concursos para órganos xurisdicionais en determinadas comunidades autónomas, entre as que figura Galicia. A superación do curso da Universidade da Coruña, tal e como establece o artigo 72 do devandito regulamento, dará lugar ao recoñecemento automático e irrevogable do mérito. 

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario