O portavoz, Javier Castiñeira, explica que «a instalación actual que está deteriorada polo paso do tempo e as mareas xa fora solicitada polo anterior goberno do Partido Popular»
O Partido Popular de Foz está xestionando a substitución do pantalán de piraguas e kayaks que hai enfronte ás instalacións do Club Kayak de Foz porque “está deteriorado polo paso do tempo e as mareas”. O portavoz, Javier Castiñeira, subliña que “no seu día fora xestionada polo anterior goberno do Partido Popular a súa instalación” que supuxo “un equipamento importante para mellorar a seguridade, os accesos e as entradas á auga e á ría”.
Castiñeira explica que “estamos xestionando coa Xunta que o repare ou instale un novo pantalán adaptado ás condicións da zona, moi afectada polas mareas”. De feito, “este equipamento en baixa mar queda en seco. Nos momentos en que non se atopa ben apoiado sufre bastante a infraestrutura”.
O popular avanza que “temos o compromiso da Xunta de Galicia” en relación a este novo equipamento demandado polo Club Kayak de Foz, unha entidade deportiva que merece o noso recoñecemento e apoio polo seu “magnífico traballo: non só coa organización de innumerables travesías, senón tamén coa formación de moitos afeccionados ao kayak. Moitos deles chegaron a ser destacados piragüistas a nivel nacional e internacional”.
Castiñeira destaca “o compromiso do Partido Popular con este equipamento” e lembra que “o PP sempre velou por mellorar as instalacións deportivas de Foz”.