Visita e paseo guiado, ruta de tapas e xantares especiais serán os ingredientes desta primeira experiencia turística e culinaria lucense que terá lugar o venres 23 e sábado 24.
Os bares e restaurantes El Dotmas, Lagar, Ourizo, La Peatonal e Lareira, os hoteis Darío e Los Olmos, os músicos Bruno Villamor e Cántigas e Frores e o proxecto Guido Guía, uníronse para crear unha experiencia gastronómica e cultural de dous días na que darán a coñecer o patrimonio e a gastronomía do senlleiro barrio da Milagrosa de Lugo.
As actividades terán lugar o venres 23 e o sábado 24, e nelas combinaranse visitas e paseos guiados, rutas de tapas, menús especiais para a ocasión e tamén actuacións musicais.
A experiencia iniciarase o venres cunha visita guiada gratuíta ao barrio a última hora da tarde (20h00), e posteriormente proporase unha ruta de tapas polos 5 establecementos, que teñen preparada unha proposta especial para a ocasión. As persoas que proben e selen en tres dos cinco bares participarán nun sorteo de varios obsequios.
O sábado pola mañá será o momento para un paseo guiado -tamén gratuíto- máis longo, de tres horas, pola contorna, de 11h a 14h. Para finalizar, os mesmos 5 locais propoñen menús especiais para todas as persoas que queiran reservar e compartir unha última vivencia con todos os participantes.
Os hoteis Darío e Los Olmos colaborarán tamén ofrecendo descontos aos participantes que decidan vir a Lugo esa fin de semana. Unha ocasión para descubrir a Milagrosa e rematar o resto da fin de semana coñecendo Lugo en xeral.
Quen desexe inscribirse á visita e paseo guiado pode facelo a través do correo guidoguiaturismo@gmail.com
Quen queira reservar o xantar do sábado nalgúns dos establecementos pode facelo chamando por teléfono a calquera deles: El Dotmas 982217502, Lagar 982216841, Ourizo 982100199, La Peatonal 982327393, Lareira 982214810, e quen queira aloxarse nos hoteis colaboradores pode facelo a través do 982203483 (Hotel Darío) ou do 613 02 42 72 (Hotel Los Olmos)