O conselleiro de Cultura, José López Campos, respondeu hoxe no Pleno de Parlamento a unha interpelación formulada pola deputada popular Raquel Arias, sobre o estado actual da candidatura da Ribeira Sacra para ser recoñecida como Patrimonio Mundial.
«Traballamos co convencemento de que o emocionante camiño iniciado en 2017 con esta candidatura vai ter o ilusionante resultado da consecución deste recoñecemento internacional», dixo López Campos na súa intervención, na que incidiu en que a Consellería de Cultura está «a cumprir rigorosamente» cos trámites que se lle están requirindo con este fin
Na súa intervención dixo, que entregou hai varias semanas en París o primeiro avance do expediente da candidatura ao embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta. Esta documentación complementouse co envío que fixeron os técnicos do Ministerio de Cultura.
A continuación, adiantou, entregaráselle á Unesco antes do 1 de febreiro de 2025 unha nova achega na que se recollerá a versión definitiva. «Trátase de pasos fundamentais co obxectivo final de que toda a documentación sexa revisada polos avaliadores antes da súa valoración no Consello do Patrimonio Histórico de 2026», explicou.
O conselleiro de Cultura puxo en valor o papel que xogará na revitalización e promoción desta candidatura o congreso internacional que se celebrará os días 27, 28 e 29 deste mesmo mes no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín e no que participará o embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta
O encontro contará con especialistas culturais e investigadores en bens patrimoniais. Sumaranse tamén representantes de institucións culturais, académicas e das administracións, tanto do campo local como doutras comunidades autónomas.