Os traballos no pioneiro dos Museos Científicos Coruñeses, que o vindeiro ano cumprirá 40 anos, levaranse a cabo nos puntos máis expostos á erosión ou á deterioración derivada das inclemencias meteorolóxicas.
O Concello licita hoxe as obras de mellora previstas na cúpula da Casa das Ciencias, un equipamento cultural que abriu camiño á rede de Museos Científicos Coruñeses, xa que foi o primeiro en abrir as súas portas á cidadanía, e que o ano que vén cumprirá 40 anos de vida sendo unha referencia en termos de divulgación, comunicación e educación científica e tecnolóxica.
Neste sentido, e tal e como avanzou a alcaldesa, Inés Rey, semanas atrás, está previsto actuar nas principais infraestruturas do edificio, situado no parque de Santa Margarida, co obxectivo de daller resposta ás principais necesidades da instalación. «Queremos renovar a cúpula para mellorar as condicións do edificio e facelo máis confortable», apuntou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
A intervención, que suporá un investimento de algo máis de 180.000 euros, estará centrada tanto na cuberta do edificio como na terraza octogonal superior, os puntos máis expostos á erosión e á deterioración. A este respecto, e como paso previo ás obras, o Concello levará a cabo unha limpeza integral tanto da cuberta como da terraza, con auga a presión, deixando así esas superficies libres de residuos para executar posteriormente os traballos de impermeabilización da cúpula e a terraza superior, onde se aplicará unha membrana líquida de poliuretano, reforzando as xuntas e unións fronte ás filtracións de auga, o que axudará a conservar os espazos interiores da Casa das Ciencias e tamén os seus equipamentos.
Ademais, no contexto dos traballos tamén está previsto realizar tarefas de pintura na escaleira de caracol e nas varandas da terraza do edificio, onde se aplicará un esmalte sintético especial.