Constatan que o sistema pesqueiro socio-ecolóxico da anchoa non se recuperou logo do peche de hai case dúas décadas

por Redacción Galicia

Investigadores do CRETUS realizan o primeiro estudo interdisciplinar do impacto do peche da pesca desta especie en España e Francia.

O sistema socio-ecolóxico da pesca da anchoa do Golfo de Biscaia experimentou grandes transformacións tras o seu peche entre 2005 e 2010. Eses cambios foron analizados na investigación internacional ‘A systemic approach to analyzing post-collapse adaptations in the Bay of Biscay anchovy fishery’ que acaba de ser publicada na prestixiosa revista científica Canadian Journal of Fisheries and Aquatic Sciences coa participación do profesor da USC e membro do CRETUS Sebastián Villasante.

O estudo, o primeiro interdisciplinar sobre o impacto do peche da pesca desta especie en España e Francia, constata que, se ben a poboación de anchoa se recuperou, o sistema pesqueiro socio-ecolóxico non volveu ao seu estado anterior ao colapso, de maneira que se perderon importantes características socio-económicas.

A través dun enfoque que combina a análise da situación da pesca de anchoa con datos pesqueiros e de mercado, analizáronse as respostas adaptativas das principais compoñentes do sistema en Francia e España (pesca extractiva, transformación e comercialización) coa fin de coñecer como se adaptaron aos cambios tanto o propio sector como as institucións que o xestionan. O traballo -seleccionado pola revista científica como o mellor do mes de agosto- estivo liderado por Jennifer Beckensteiner(IFREMER) e nel interviñeron, ademais do profesor Villasante, Anthony Charles (Saint Mary’s University) e Pierre Petitgas, Christelle Le Grand e Olivier Thébaud(IFREMER).

Respostas desiguais

Os investigadores subliñan que as perdas e ganancias percibidas tras o colapso da pesca da anchoa e as súas consecuencias varían en función dos actores do sistema pesqueiro.  Así, o tamaño medio do stock de todas as clases de idade é cada vez menor e obsérvase unha redución xeral do número de buques que capturan anchoa nas tres flotas, aínda que o maior impacto negativo seproduciu nos arrastreiros peláxicos franceses, cunhadiminución do 70% da flota. A flota vasca de cerqueiros tamén reduciu o seu tamaño nun 40% entre 2001 e 2009 e a española nun 22%.

Porén en Galicia, unha das rexións máis importantes para a pesca da anchoa no Estado, os comportamentos foron diferentes, tal e como apunta o profesor Villasante. “Produciuse un desprazamento temporal cara ao sector da construción, pero os profesionais volveron á pesca unha vez recuperado o stock, na década de 2010. Outros pescadores cambiaron de especie obxectivo (por exemplo, a xarda), pasaron a pescar con anzol e sedela, especialmente o bonito, ou adaptaron as súas zonas de pesca”.

Pola súa banda, os prezos da anchoa responderon de forma moi dinámica á crise pesqueira. De 2000 a 2006, cando diminuíu a oferta de anchoa, os prezos subiron en máis do300%, con cifras especialmente altas en 2006 tanto en España como en Francia (cunha media en torno aos 6€/kg durante o período 2005-2009). Coa curta reapertura da pescaría en 2006, os prezos da anchoa alcanzaron un máximo histórico de 11,3€/kg no País Vasco e mesmochegaron a 14€/kg en Francia. Trala crise o sistema pesqueiro pasou a un novo réxime, con prezos que volveron aos seus niveis de principios da década de 2000 en Francia, pero que continuaron baixando en España emantivéronse por baixo da media despois de 2017 en ambos países. 

Exportacións en aumento

A pesar da apertura de industrias conserveiras no norte de España, a maior parte da produción acostumaba destinarse ao consumo en fresco en España, o que convertía este país no principal importador de anchoas de Europa. As importacións de produtos frescos por parte de España diminuíron durante a moratoria, mentres que as importacións de anchoas en conserva experimentaron un notable aumento, alcanzando as 10.000 toneladas en 2021. 

Segundo explica Villasante, “as respostas á nosa enquisa destacaron dous fenómenos que explican este aumento das importacións de produtos en conserva. En primeiro lugar, as industrias españolas estableceron contratos a longoprazo con novas fontes de importación. En segundo lugar, as pequenas plantas de procesado tiveron que pechar, e as máis grandes deslocalizaron as súas actividades de produción a Marrocos porque alí o custo da man de obra é5 veces menor”.

Os investigadores agardan que esta análise retrospectivapoida servir de base para comprender as respostas a longo prazo aos cambios socio-ecolóxicos na pesca e identificar o papel dos mecanismos de gobernanza á hora de apoiar adaptacións que manteñan sistemas pesqueiros sostibles fronte a posibles perturbacións futuras.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario