Un cargo académico honorífico de alto nivel, reservado a profesores con traxectoria sobresaínte.
Financiada pola Fundación que leva o mesmo nome, esta cátedra foi deseñada para recoñecer a excelencia en investigación, docencia e prestixio internacional, e ao mesmo tempo atraer ou reter talento académico.
A cátedra está considerada un dos maiores recoñecementos académicos internos na Universidade Estatal Tsing Hua, con sede en Hsinchu, por riba dun posto ordinario de profesor.
No contexto da NTHU, esta distinción é promovida polo College ofEducation e polo Departamento de Recursos Ambientais e Culturais, e concédese ao Profesor García Mira como proba de recoñecemento institucional, académico e científico polos destacados traballos de colaboración internacional e o seu impacto académico e científico no ámbito da aplicación da psicoloxía á educación.
A denominación “Ching-Ching Hung-Dao” procede do chinés orixinal “Qingjing” (o benefactor) e ten por obxecto promover o “Dao”, un concepto filosófico confuciano que significa “o camiño correcto do coñecemento e da educación”.
O Profesor García Mira, que foi recentemente nomeado Catedrático Emérito polo Consello de Goberno da Universidade da Coruña, suma así unha distinción máis na súa brillante carreira académica, que se une ás que xa posúe coa Bath University, onde é Catedrático Honorario desde 2016 ata 2027, ou a de “Doctor Honoris Causa” pola Universidade Alexandru Ioan Cuza de Iași(Romanía), concedida en 2018, ou a distinción de “Académico” da International Association of Applied Psychology (a sociedade de psicoloxía máis antiga do mundo), concedida tamén en 2018. García Mira foi tamén Profesor Visitante Distinguido da Universidade do Estado de Texas (2002) e da Cornell University(2019), ambas dos Estados Unidos, e máis recentemente da Universidade de Tokyo (2021) e da Universidade de Santo Tomás de Manila (2025).