Ameijide reitera a petición de acceso á residencia de Becerreá para coñecer o estado real do interior do edificio

por Redacción Lugo

Os deputados provinciais do PP solicitaron formalmente ao presidente, José Tomé, visitar o interior do inmoble o 19 de xullo, pero aínda non tivemos resposta; mantendo “a política de ocultismo” ante a negativa constante a permitirnos o acceso aos edificios de titularidade provincial.

Os deputados do Grupo Provincial Popular esixen a José Tomé que atenda o escrito rexistrado na Deputación o pasado 19 de xullo “e do que aínda non tivemos resposta algunha tras mes e medio”.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, explica que despois de visitar o exterior do centro de dia e residencia de maiores de Becerreá “queremos ver o estado no que se atopa o interior do edificio e comprobar as necesidades reais para a súa apertura” xa que leva máis de tres anos pechado e sen ningún tipo de mantemento.

Antonio Ameijide lembra que na visita que realizamos ao exterior do inmoble “xa vimos sinais de intentos de acceder ao edificio pola forza, así como a necesidade de realizar reparacións na fachada”.

“Nin sabemos se o edificio dispón xa de conexión á rede eléctrica, de mobiliario de cociña e se comezou o proceso para contratar ao persoal”, explicou, ao que engade que “a afirmación do goberno provincial de que se abrirá no menor prazo de tempo posible vemos como, de novo, foi unha fuxida cara diante e unha mentira máis deste goberno de perdedores”.

Antonio Ameijide agarda que José Tomé dea acceso no prazo máis breve posible xa que no escrito rexistrado pedíase acceso ao edificio no mes de xullo, senón terá que explicar a Valedora do Pobo porque segue incumprindo os dereitos fundamentais da Constitución Española.

Dende o Grupo Popular recordan que no escrito presentado solicitouse acceso seguindo as indicacións realizadas dende a presidencia da Deputación “pero nin por esas nos facilitan o acceso”. “Que queren agochar PSOE e BNG na residencia de Becerreá?”, preguntou.

O popular critica “o ocultismo de Tomé e do PSOE e o BNG” ante a negativa constante a que os deputados populares poidan entrar nos edificios da Deputación.

Neste senso, dende o Grupo Popular recordan que xa se pediu o amparo da Valedora do Pobo e que o pasado 15 de marzo resolveu que “tense que garantir o acceso aos edificios abertos ao público e que naqueles que non son de uso público é suficiente cunha comunicación, nin sequera unha solicitude ao presidente”.

Dende o Grupo Provincial Popular tamén sinalan que “seguiremos apoiando” áPlataforma Pro Residencia de Becerreá. “Como non pode ser doutra forma e como fixemos ata agora e seguiremos facendo, estamos ao carón dos veciños para prestar todo o noso apoio a súa xusta reclamación e non nos deteremos ata que esta residencia se abra e se poña en servizo”, sinalou.

Neste senso, dende o Grupo Popular recordan “o autoritarismo” de José Tomé que sempre expulsa aos veciños de Becerreá dos plenos da Deputación porque non lle gusta escoitar críticas “sabedor de que o seu enfrontamento co alcalde de Becerreá o están a pagar todos os veciños do municipio e da comarca”. 

O centro de día e residencia de maiores de Becerreá ten capacidade para 140 usuarios (100 en residencia e 40 en centro de día) e daría emprego a preto dun cento de persoas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario