Nas últimas semanas instalouse unha nova capa de rodadura con mestura asfáltica en quente, e vén de completarse a renovación da sinalización horizontal.
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, achegáronse ata a rúa Celso Emilio Ferreiro, onde o Goberno de Lugo vén de renovar o firme. Arroxo destacou que «este tipo de actuacións garanten o benestar das veciñas e veciños de toda a cidade». O Goberno de Lugo actúa para «renovar vías co pavimento deteriorado e garantir a boa calidade e a boa imaxe da rede de vías urbanas municipal».
O Goberno de Lugo reconstruíu o paquete de firme en todo o seu espesor, para evitar que os defectos da capa base podan chegar a afectar á capa de rodadura. Os traballos consistiron na instalación dunha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, o que asegurará un selado do firme ante a acción da auga superficial e asegurará unha prolongada duración da actuación.
Unha vez pavimentadas as vías, adaptáronse os rexistros previamente existentes á nova cota da superficie e renovouse a sinalización.