O BNG de Dumbría propón crear un espazo para a infancia co nome da artista e escritora Laura Suárez

O voceiro Xaime Trillo destaca que “trataríase dun parque pensado para o entretemento e a divulgación da cultura universal, orientado á infancia”.

O BNG de Dumbría vén de propoñer que a zona arborada contigua ao complexo deportivo do Conco se converta “nun espazo para a infancia, pensado para o lecer da poboación infantil, mais tamén para o seu desenvolvemento humano e creativo”, e que se chame “Xardín de Laura Suárez”, en honor á artista e escritora dumbriesa. 

Os nacionalistas lembraron que fixeron un rogo no mesmo sentido no Pleno da Corporación celebrado este xoves 5 de setembro, e agardan que a iniciativa sexa ben recibida polo equipo de goberno do Concello Dumbría. Así mesmo, destacaron a valía artística da Laura Suárez, que vén de ser galardoada co “XIX Premio Castelao de Banda Deseñada” na categoría de público infantil e xuvenil, e que convocou a Deputación daCoruña.

O voceiro do grupo municipal do BNG, Xaime Trillo, sinalou que “trataríase dun parque pensado para o entretemento e a divulgación da cultura universal, orientado á infancia”. O portavoz nacionalista destacou que pensaron na dumbriesa Laura Suárez porque “aínda que é moi nova, xa figura no noso sistema literario, ademais de ser unha das ilustradoras galegas máis relevantes na actualidade”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios