O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, levou hoxe ao Parlamento de Galicia o debate sobre o futuro industrial do país e enfrontou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, coa distancia que hai entre os seus anuncios e os seus resultados. “Hoxe queremos falar de industria, da necesidade de que Galicia medre e aproveite todo o seu potencial”, arrancou.
Besteiro debuxou a radiografía da política industrial do PP tras dezasete anos de Goberno: caída das exportacións, da produción, das vendas e dos prezos industriais. “Levan dezasete anos prometendo revolucións industriais que quedaron en nada”, sinalou, antes de enumerar os fiascos: a desaparición das caixas galegas, o “amiguismo e fracaso” de Pemex no naval, a falta de planificación do eólico e a opacidade que aínda rodea a Altri.
O dirixente socialista lembrou que a Xunta anunciou dezanove Proxectos Industriais Estratéxicos que ían crear máis de 1.400 empregos. “Catro xa caeron e non hai nin un só executado. Nin un. Cero”. E engadiu que moitas desas actuacións dependen do apoio e do financiamento do Goberno socialista.
Foi nese punto onde Besteiro situou o desembarco de SAIC en Ferrolterra. “O problema, señor Rueda, non é a falta de anuncios. É a falta de resultados”, afirmou, para reivindicar despois o papel dos fondos estatais e europeos.
“Mentres vostede constrúe un relato triunfalista, os feitos din que a maior transformación e investimento industrial que está a vivir Galicia nas últimas décadas non a está liderando o PP na Xunta. Lidérao o Goberno de España, cun presidente socialista ao fronte. Porque si, Pedro Sánchez é o presidente máis galego da historia polo volume de investimentos históricos para o noso país”.
Besteiro respaldou o argumento con cifras: a través dos PERTE hai en marcha en Galicia preto dun cento de proxectos estratéxicos que mobilizan máis de 1.063 millóns de euros, con actuacións en Vigo, Ferrol, As Pontes, Lugo, Boiro, Cervo, Dumbría, Ames ou Arteixo. “Os datos son incontestables”. Lembrou tamén que Galicia recibiu máis de 4.557 millóns do Plan de Recuperación, dos que máis de 2.800 foron executados directamente polo Estado, mentres a Xunta mantén arredor de 700 millóns sen executar: “Catro de cada dez euros”.
O líder socialista pechou a primeira quenda cunha pregunta dirixida ao presidente: se Galicia dispón de máis fondos e máis investimento público ca nunca, por que non aproveita todo o seu potencial? “Se a industria galega medrase ao ritmo das súas críticas ao Goberno de España, Galicia sería hoxe a primeira potencia industrial de Europa”.
“A mesma hipocrisía de sempre”
Na quenda de réplica, Besteiro elevou o ton e acusou a Rueda de incoherencia: “Mentres vostede reclamaba eleccións para derrubar o Goberno, sabe a que andaba o presidente Pedro Sánchez? A conseguir emprego para Galicia e unha oportunidade industrial sen precedentes”.
Comparou esa actitude coa viaxe do propio Rueda a China: “Cando viaxou vostede, falaba dunha viaxe comercial; cando o fixo Pedro Sánchez, acusouno de actuar por intencionalidade política”. Para Besteiro, ese dobre raseiro resume a posición do PP fronte aos grandes investimentos que chegan ao país.
O portavoz socialista recordou as etapas que houbo que gañar para traer SAIC a Galicia: primeiro, unha batalla internacional na que España competía con outros países europeos e do Magreb por un investimento estratéxico; e despois, unha competición interna fronte a territorios como Tarragona ou Valencia. “E mentres chegan a Galicia os maiores investimentos da nosa historia, vostede non é capaz nin de sacar adiante os proxectos que declarou estratéxicos. Todos encallados, todos vítimas da mesma falta de xestión”.
Besteiro rematou cunha petición directa ao presidente da Xunta: “Deixe a hipocrisía a un lado e póñanse a traballar en SAIC, para que non siga o camiño da parálise de todos os proxectos que vostede tocou. Só lle pido que non o estropee”.
Saúdos, Comunicación PSdeG-PSOE