Centrais de bombeo na Ruña: desfacer a paisaxe e masacrar o Xallas até o ano 2099

por Redacción Galicia

ADEGA vén de achegar a Augas de Galiza as súas alegacións aos dous proxectos de centrais de bombeo no río Xallas presentados por Feroe Ventures & Investments, S.L.U. e Portodemouros Solar SL. O primeiro, de case 400 MW, usa unha balsa superior de 2,5 hm3 para bombear a auga do encoro de Santa Uxía, no Xallas, e logo turbinar. O segundo, de 80 MW, usa dúas balsas de 1 hm3 cada unha, para turbinar/bombear en bucle, ao usar tamén como fonte de auga inicial o encoro de Santa Uxía.

Autorizar estas concesións suporía fosilizar até o ano 2099 o secuestro do Xallas, o río máis sobreexplotado da bacía de Galiza-Costa, con 4 encoros e 7 aproveitamentos hidroeléctricos en 15 km de río. Estes proxectos, lonxe de impulsar as renovábeis e dar estabilidade ao sistema, non pretenden outra cousa que lucrarse ao especular co prezo da electricidade a costa dun brutal impacto paisaxístico e ambiental. As demandas hídricas dos aproveitamentos solicitados provocarán modificacións substanciais do balanzo hídrico das bacías afectadas tanto augas abaixo como tamén augas arriba, o que afecta negativamente as captacións de abastecemento tanto en caudal como nos parámetros de calidade físico-química da auga.

Incumprimento do Plano Hidrolóxico

Polo que atinxe ao Plano Hidrolóxico (bacías de Galiza-Costa), está vixente o do ciclo 2021-2027. Neste documento, e no referido á masa de auga “Encoro de Santa Uxía” que actuaría como depósito inferior para o proxecto de “Feroe Ventures & Investments, S.L.U.” e obxecto de captación para o de “Portodemouros Solar SL”, indícase que o seu estado ecolóxico non cumpre coas determinacións establecidas (Obxectivos Medio-Ambientais, OMAs) para os parámetros de fósforo e transparencia. Trátase dunha masa de auga moi modificada nun estado total “peor que bo” (estado ecolóxico “moderado” e fisico-químico “peor que bo”) e que nos dous últimos ciclos de planificación consecutivos, dende 2009 a 2021, viu prorrogado o cumprimento dos obxectivos medio-ambientais, tal como acontece tamén para o actual ciclo 2021-2027. 

Nin as concesións solicitadas nin os proxectos que pretenden beneficialas teñen sido valorados no Plano Hidrolóxico da bacía, e poderían comprometer a consecución dos obxectivos medio-ambientais, cuxo cumprimento foi xa por tres veces prorrogado pola Xunta para o Encoro Santa Uxía. E lembramos que no vixente Plano Hidrolóxico, os usos ambientais prevalecen sobre os hidroeléctricos. Unha eventual nova prórroga debida ás distorsións e alteracións introducidas por novas concesións como as solicitadas para esta masa de auga resulta inaceptábel e apuntaría a unha grave irresponsabilidade e mesmo neglixencia por parte da administración hidráulica.

Afeccións á Rede Natura 2000, hábitats e especies protexidas

Os proxectos presentados atópanse moi próximos ao espazo da Rede Natura 2000 ZEC “Carnota-Monte Pindo”, situado inmediatamente ao Oeste e contiguo ao encoro de Santa Uxía. A este respecto, no vixente Plano Hidrolóxico para o río Xallas, que atravesa a ZEC ES1110008 augas abaixo do encoro de Santa Uxía, aínda non se determinaron todas as compoñentes dos caudais ambientais, quer os requerimentos hídricos das zonas protexidas da Rede Natura 2000.

Asemade, o Encoro de Santa Uxía figura no Inventario de Zonas Húmidas de Galicia foi considerado a teor da Directiva 91/271/EEC “zona sensible”, así como a súa área de captación, na última actualización da declaración de “zonas sensibles” no ámbito de Galicia-Costa. Contrariamente ao requirido para as zonas sensibles, na documentación dos dous proxectos non se valoran as afeccións derivadas do desvío de caudais e das continuas variacións no nivel do encoro na mobilización de contaminantes.

A construción destas infraestruturas eliminará tamén unha superficie significativa de áreas hidromorfas con hábitats higrófilos (matogueira húmida e turbeiras), particularmente nas zonas altas. Os hábitats prioritarios tipo 4020* (breixeiras húmidas atlánticas de zonas temperadas de E. ciliaris e E. tetralix); 7110* (turberas altas activas), así como o de interese comunitario 7120 (turbeiras altas degradadas que poden rexenerarse de xeito natural), están presentes na área afectada.

No contexto da actual mudanza climática, a Directiva Marco da Auga (2000/60/CE) impón especiais medidas de conservación para as zonas húmidas en sentido amplo: ríos, lagos, xunqueiras, brañas, turbeiras e gándaras adquiren unha dimensión chave e a súa protección tórnase estratéxica para amortecer os efectos adversos do clima, capturar carbono, regular o ciclo hídrico e manter a bodiversidade. Pola súa banda, a Directiva de Hábitats 92/43/CEE establece a obriga de manter en bo estado de conservación determinados hábitats e especies chave para o mantemento da biodiversidade en Europa e preservar os servizos ecosistémicos que prestan á poboación. A eliminación física e a degradación destes hábitats, particularmente arredor da canle e na cabeceira do rego de Ribeiratorta e a bacía do Río de Arcos contravén as disposicións das Directivas 2000/60/CE e 92/43/CEE.

Un río, o Xallas, masacrado polas hidroeléctricas 189 anos

As empresas peticionarias pretenden un prazo concesional de 75 anos para os seus aproveitamentos. No encoro Santa Uxía, que necesariamente funcionaría como depósito inferior para o proxecto de “Feroe Ventures & Investments, S.L.U.” e fornecedor do caudal inicial para o de “Portodemouros Solar SL”, hai vixente unha concesión para usos hidroeléctricos (98,1 MW) que se estende até o ano 2063. Tendo en conta isto, a autorización de novos aproveitamentos para centrais reversíbeis ou de bombeo alongaría de facto a permanencia do encoro de Santa Uxía moito máis aló do prazo máximo concesional.

Deste xeito, o río Xallas, o máis densamente explotado da bacía de Galiza-Costa, con 4 encoros en 15 km de río (Fervenza, Ponte Olveira, Castrelo e Santa Uxía) e 7 aproveitamentos: Fervenza e Fervenza II (3,6 e 6,3 MW); Ponte Olveira e Ponte Olveira II (2,7 e 6,3 MW); Castrelo e Novo Castrelo (28,7 e 28,7 MW); e Santa Uxía (98,1 MW); podería ficar até 189 anos regulado (dende 1910, data do primeiro aproveitamento no río, até o ano 2099), o que resulta absolutamente inaceptábel alén de contravir a Directiva Marco e a vixente lexislación de augas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario