A mina de San Finx declara ante o Xulgado de Noia polas verteduras tóxicas

por Redacción Galicia

Representantes do sector do mar, das organizacións ecoloxistas e dos colectivos locais concentráronse ante o Xulgado de Noia para manifestar a súa repulsa às verteduras da mina de San Finx e demandar unha solución ao problema ambiental

Na mañá deste luns día 4, declarou ante o Xulgado de Instrución N.º 2 de Noia o representante de Tungsten San Finx, a empresa concesionaria da polémica mina en Lousame. Empresa imputada por presuntos delitos contra o ambiente e os recursos naturais. A vista, posposta en varias ocasións, é consecuencia da denuncia interposta polas cofradías de pescadores de Noia e Portosín, á que se adheriron organizacións ecoloxistas como acusación popular medioambiental.

Diante do Xulgado e Noia concentráronse ducias de representantes dos colectivos do mar, ecoloxistas e sociais para amosar a súa repulsa á actuación da empresa mineira e demandar á Administración galega medidas inmediatas para solucionar o problema ambiental, dado que as verteduras prodúcense a apenas 7 km da ría de Muros e Noia e do LIC Esteiro do Tambre, espazo da Rede Natura 2000.

Esixen á Xunta que impoña de inmediato as fianzas necesarias, ante o risco de evasión da empresa, e que aplique o canon de control de vertidos para garantir que se leven a cabo as actuacións necesarias para impedir a continuidade das verteduras, así como a restauración da zona afectada polas presas de residuos mineiros abandonadas. 

«A solución pasa por taponar as galerías de desaugue e selar os centos de labores mineiras polas que se infiltra a auga«, explica Joám Evans, voceiro de Ecoloxistas en Acción e da Plataforma comarcal contra as verteduras.

Empresa fantasma e risco de fuga

Ecoloxistas en Acción alerta que a día de hoxe non se coñece a identidade dos titulares reais da mina, unha vez que o control da empresa pantalla «Metais Estratéxicos S.L.», cun capital de apenas 3.000 euros, se exerce a través de empresas interpostas situadas en xurisdiccións opacas e paraísos fiscais. 

A presenza como adminitrador de Miguel Cabal, relacionado co empresario colombiano Serafino Iacono, vinculado aos famosos ‘Papeis de Panamá’, ten feito saltar todas as alarmas polo risco de fuga. «A falla da presa de residuos mineiros abandonada sería catastrófica, pois en poucas horas miles de tonaladas de lodos tóxicos chegarían á ría», advirten desde Ecoloxistas en Acción. 

Nesas circunstancias a empresa esfumaríase e ninguén se faría cargo do desastre ecolóxico e das perdas multimillonarias que se producirían no sector marisqueiro e actividades vinculadas. Por iso, destacan, «é fundamental actualizar o plan de restauración que a Xunta modificou de xeito fraudulento en 2020».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario