Comisións Obreiras e a súa Fundación homenaxean mañá sábado a Xan María Castro Paz nun acto en Santiago

por 21 Noticias

O histórico dirixente sindical, falecido hai case un ano, desempeñou un papel fundamental na creación e consolidación de CCOO e pola recuperación da memoria obreira

 O Sindicato Nacional de CCOO e a Fundación 10 de Marzo homenaxearán a Xan María Castro mañá sábado, 14 de setembro, nun acto que comezará ás 11 horas no edificio Cersia, en Santiago de Compostela. Falecido en novembro do ano pasado, Xan María foi un dos fundadores do sindicato, do cal chegou a ser secretario xeral entre os anos 2000 e 2009, e tamén presidente da súa Fundación desde o 2013 ata o seu pasamento.

Deste xeito, CCOO e a F10M queren tributarlle un «merecido recoñecemento ao compañeiro Xan María», a quen definen como unha persoa «xenerosa, fondamente comprometida na loita polas liberdades de que hoxe gozamos e en defensa da clase traballadora».

No acto, presentado polo xornalista Antón Luaces, entregarase o libro Xan María Castro Paz. O sindicalista tranquilo, que repasa a traxectoria do homenaxeado. Tamén se proxectará un vídeo en que compañeiras e compañeiros das CCOO falarán da súa pegada humana e sindical.

Convidados confirmados

Confirmaron a súa presenza na homenaxe, entre outros, o secretario xeral confederal, Unai Sordo; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a tenente de alcalde de Santiago, María Rozas; a Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño; o deputado de Sumar no Congreso Manuel Lago; o director territorial da Inspección de Traballo, Demetrio Fernández; ou o ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.

Unha vida de compromiso

Xan María Castro Paz (A Coruña, 19 de maio de 1945 – Ames, 5 de novembro de 2023) comezou a militar moi novo nas Xuventudes Comunistas no xermolo do que serían as Comisións Obreiras. En 1967 foi detido por asociación ilícita e propaganda ilegal e volvería coñecer o cárcere tres anos despois tras ser detido nas protestas polo Proceso de Burgos.

Coa legalización dos sindicatos, en 1978 foi elixido secretario xeral de Comisións Obreiras da Coruña. Tres anos despois foi elixido secretario de Organización do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, do que sería secretario xeral entre 2000 e 2009.

No 2013, o sindicato e a súa fundación distinguírono co Premio 10 de Marzo pola súa traxectoria. En maio dese ano asumiu a presidencia da Fundación 10 de Marzo de CCOO, á fronte da cal «desempeñou un infatigable labor en defensa da memoria obreira e da importancia do movemento sindical na loita polas liberdades de que hoxe gozamos», subliña a dirección de CCOO.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario