A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acollerá o próximo sábado un programa especial de «O noso basket» dedicado á Copa Galicia de Baloncesto

por 21 Noticias

Dedicado á Copa Galicia de Baloncesto, que se celebra durante esta fin de semana na cidade. O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación de actividades complementarias que, ao igual que o campionato, están organizadas pola Asociación Xuvenil Sagrado Corazón e contan co apoio do Goberno galego.

O programa dará comezo ás 19.30 horas no salón de actos da Delegación e está aberto ao público en xeral. Será retransmitido en directo e en streaming por 7 Global TV, e tamén se emitirá nas canlesde youtube ou redes sociais da Federación Galega de Baloncesto ou «Breogán está en ACB», entre outros.

Contará con tres mesas redondas, na primeira das cales intervirán o delegado territorial e o representante da entidade organizadora, Rubén Engroba, xunto ao presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez. Na segunda participarán catro xornalistas especializados neste deporte: Paco Basanta, Sergio Delpont, Ovidio González e Roberto Anido. Pecharán o programa os ex-xogadores Tito Díaz, Suso Fernández e Manel Sánchez.

Por outra banda, o adestrador Carles Durán, con oito anos de experiencia en clubs da ACB, ofrecerá unha charla no Pazo dos Deportes o domingo a partir das 12.00 horas. Os interesados deben inscribirse previamente a través do correo electrónico da entidade organizadora, ajsc_lugo@hotmail.com.

Partidos

Os partidos da XXXVIII Copa Galicia Sénior Masculina de Baloncesto celebraranse no Pazo dos Deportes. O venres día 20 enfrontaranse na primeira semifinal (ás 18.00 horas) o Leyma Coruña e o Monbus Obradoiro, e na segunda (ás 20.30 horas) o Río Breogán e o Club Ourense Baloncesto. A final disputarase o domingo ás 18.00 horas.

As entradas e bonos para asistir aos encontros pódense adquirir na plataforma entradas.lugoebasket.es.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario