Anedia: Medrando con Diabetes

por Redacción Galicia

Anedia, a Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia, xa ten perfilado o programa da sexta edición da xornada Medrando con Diabetes, unha cita que terá lugar o vindeiro sábado 28 de setembro, no Auditorio de CERSIA Empresa (Santiago de Compostela) e que, como cada ano, se desenvolve co obxectivo de tratar todos aqueles temas que poidan ser de interese para as persoas que padecen esta enfermidade, independentemente da súa idade. Por iso, entre as 10.00 e as

14:00 horas levaranse a cabo, ademais de ponencias e debates, actividades pensadas para as crianzas, como unha lúdica, así como actividades deportivas, ademais doutras sorpresas.

Tal e como sinalan desde a asociación, estas xornadas están pensadas para a sociedade en xeral, así como para perfís profesionais e para pacientes. Para iso, o programa contará con grandes profesionais no panorama nacional en materia de endocrinoloxía, enfermeiría, nutrición ou psicoloxía. En moitos, casos, ademais, cobrarán tamén protagonismo profesionais e persoas que ou ben padecen diabetes ou son familiares directos de pacientes, para contar as súas experiencias. “Ofrecemos todo isto sen esquecer o reto vital que é a investigación en diabetes e a importancia dos cribados. Non estamos a falar de futuro, senón de presente”, lembra a presidenta de Anedia, María Xosé Rego. A día de hoxe xa se anotaron máis de 130 persoas para participar en Medrando con Diabetes. Os e as interesadas en anotarse e en obter máis información poderán facelo a través do correo electrónico anediagalicia@gmail.com ou ben nos números de teléfono 644971454 e 644319595.

Entre os e as profesionais que serán protagonistas durante esta xornada destaca, por exemplo, María Alonso González, psicóloga de Talavera de la Reina que padece de diabetes e que é moi coñecida nas redes sociais polo labor divulgativo e de visibilidade que leva a cabo sobre a enfermidade. Alonso ofrecerá a charla ‘Cuidar de mis emociones es cuidar de mi diabetes’. Non menos interesante resultará a intervención de Serafín Murillo, considerado o mellor nutricionista en deporte e diabetes de España, e que falará da tecnoloxía da diabetes aplicada ao exercicio. Asemade, está confirmada a presenza da investigadora principal e profesora no CIMUS da Universidade de Santiago de Compostela, Iria Gómez Touriño, que é unha das grandes voces autorizadas á hora de falar desta enfermidade en Galicia. Paloma Cabanas, pediatra da Universidade de Endocrinoloxía Pedriática do CHUS, tamén falará das súas

experiencias e porá o énfase nun tema tan importante como o dos cribados, asunto que na actualidade está sobre a mesa na meirande parte dos países de Europa, ao considerase unha ferramenta capital á hora de anticipar diagnósticos, asesoramento antes de que se estenda a enfermidade. Unha mesa debate e a intervención da xornalista Ana Tormos, que se fixo viral por falar nas redes sociais e nos medios de comunicación da súa experiencia como nai dunha cativa con diabetes tipo 1, completan as intervencións. Desde Anedia Galicia fan un chamamento á cidadanía para que participe nunhas xornadas que naceron hai algo máis dun lustro e que ano tras ano se consolidan como unha das citas chave na Comunidade Autónoma en materia de asesoramento, información e visibilización da diabetes.

Exposición fotográfica

Por outra banda, a Asociación, que leva operativa desde 2013 e cuxa sede está en Pontevedra, lembra que permanece aberta ao público a mostra fotográfica ‘Diabetes, un camiño de vida’, no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia de Santiago de Compostela. A exposición está composta por instantáneas tomadas polo fotógrafo ‘Pichero’ e con textos explicativos sobre a enfermidade. A colección poderase visitar ata o vindeiro 2 de outubro nas devanditas dependencias santiaguesas.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario