Lista de espera
· Atención Primaria: hai algún médico con cita no día pero en xeral hai que esperar 7-14 días, incluso para cita telefónica.
· Hospitalaria.
A realidade é que as cifras do SERGAS en canto a lista de espera cirúrxica, para probas ou para consultas non teñen credibilidade. As cifras non se corresponde coa percepción do paciente. Por exemplo, en xuño de 2025, as últimas publicadas, a espera para un TAC na Coruña é de 47 días, para unha Resonancia 56,2, unha ecografía muscular 14,4 días e unha abdominal 13,9. Pero se tardan meses! De onde saen estes números.
Máis ben poderíamos dicir que o hospital está pechado, xa que moitas das consultas son resoltas de forma electrónica, sen ver ao paciente. É difícil derivar a un paciente desde atención primaria ao hospital. Como é posible que chegásemos a isto!
- As listas de espera producen un colapso de todos os recursos:
- Atención primaria con citas forzadas
- Punto de Atención Continuada sobrecargado
- Urxencias Hospitalarias
- Plantas hospitalarias: aglomeración de pacientes nas habitación (3 por habitación no lugar de 2), posibles altas precoces.
- Ausencia de pediatras en moitos puntos de Galicia.
Falta de profesionais SI pero sobre todo é un problema de xestión: a sobrecarga por burocratización das consultas de medicina de familia e as dificultades para que un paciente sexa atendido nas consultas hospitalarias son problema de xestión, non de falta de médicos.
Por outra banda hai un fortalecemento consciente da sanidade privada con fondos públicos, é unha decisión política da Xunta de Galicia: practicamente retiraron o incentivo aos médicos para que traballen en réxime de exclusividade na sanidade pública e reducíronse as incompatibilidades para que as empresas privadas contraten profesionais e atendan a pacientes da sanidade pública. A concertación de probas ou ingresos do sergas cos hospitais privados é elevada: o 40,1% das altas hospitalarias e o 50,1% da Cirurxía Maior Ambulatoria dos hospitais galegos son concertos do sergas. De feito os hospitais privados tiveron un crecemento relevante na súa estrutura nos últimos anos, tanto en camas como en tecnoloxía, e basicamente son para atender a pacientes sergas.
Un indicador indirecto, pero relevante, de que algo non funciona ben na sanidade pública é o incremento do aseguramento privado. En Galicia o 24% da poboación galega, dato de 2024, ten unha póliza de seguro privado, cando en 2018 era dun 9%. Este é un incremento substancial que debería facer reflexionar ao goberno galego.
Hai moitos motivos para asistir á manifestación do 1 de febreiro en Compostela. Pedímoslle a toda a poboación que veñan a Compostela o próximo domingo, a pesar deste tempo tan desagradable.