Os socialistas galegos reclámanlle á Xunta un Plan de Formación complementario para os profesionais sanitarios

por 21 Noticias

O Secretario de Sanidade e Saúde do PSdeG, José Manuel Miñones, pediulle á Xunta que utilice os fondos que lle transfire o Estado para poñer en marcha un Plan de Formación complementario para os profesionais sanitarios. O responsable socialista advertiu que os cartos transferidos polo Estado “non poden ser aforrados do Orzamento que ten a Xunta” para formación, senón que teñen que empregalos para completar a formación dos profesionais.

Criticou a “falta de transparencia” amosada polo goberno galego, que non quere informar sobre as contías de fondos propios que pon enriba da mesa para os programas de formación, e recoñecer cantos destes cartos corresponden ás transferencias do Estado. Censura que o “afán de protagonismo” do goberno galego lles impida recoñecer e “nin sequera mencionar” ao Ministerio de Sanidade por estar obsesionados polo autobombo e o márketing publicitario.

Lembra que o Ministerio de Sanidade ten posto en marcha un programa de distribución de fondos dende o ano 2021 a través do Plan de recuperación e transformación, repartindo 10 millóns de euros ás comunidades autónomas para habilitar 360.000 créditos de formación continuada para 90.000 profesionais sanitarios en todo o Estado.

Estes fondos son os que lle permiten á Xunta desenvolver horas de formación para 300 profesionais médicos de enfermaría en cirurxía menor como os que anunciou esta semana a Consellería de Sanidade sen mencionar de onde proceden os fondos. Miñones sinalou que a formación continua é fundamental para garantir unha sanidade de calidade, facilitando o acceso a novas técnicas e tecnoloxías na busca dunha maior eficiencia.

Mirar para outro lado

Miñones lamentou que o PP e o goberno galego continúen “obsesionados coa crítica e a fuxida cara adiante” para non recoñecer que o goberno do PSOE acadou as mellores cifras de homologacións de títulos, de investimentos e de prazas de formación de profesionais sanitarios da historia para Galicia. Reclamoulles que “deixen de mirar para outro lado e de culpar ao resto” e asuman a súa responsabilidade logo de 15 anos de xestión “desastrosa” da sanidade pública.

O responsable socialista lamentou que o PP se teña demostrado “incapaz de ver a realidade dos números, do que lle din as enquisas e das advertencias da Valedora e do Consello de Contas”, e que “por desgraza só lles queda a descualificación”. Respondeu así ás críticas á xestión da sanidade dende o goberno central que lanzou esta mesma semana o PP.

Lembrou que o goberno ten aprobado, baixo a súa responsabilidade como ministro, ten “aprobado tódolos acordos do Consello Interterritorial co apoio e o voto favorable de tódalas comunidades autónomas, incluso Galicia. Ademais, destinou 100 millóns de euros ao Plan de Mellora de Infraestruturas para os centros de saúde de Galicia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario