Borja Canedo Martínez gaña na modalidade ‘tradicional’ cun coitelo feito con forxa tradicional, e Ezequiel Franchil Gil é o gañador do galardón na modalidade ‘contemporánea’ cunha nasa elaborada coa técnica de marroquinería fina
A Coruña, 25 de setembro de 2024. A Deputación da Coruña vén de fallar os premios Antonio Fraguas de Artesanía que nesta XV edición recaen, por unanimidade, en Borja Canedo Martínez, natural da Coruña, na modalidade ‘tradicional’ por un coitelo feito con forxa tradicional aplicada á coitelaría, soldeo a calda mediante forxa, vaciado e pulido manual, e en Ezequiel Franchil Gil, de Ribadeo, na modalidade ‘contemporánea’ por unha nasa elaborada coa técnica de marroquinería fina e trenzado en pel, cosida a man.
O xurado, que se reuniu na xornada de onte, estivo composto por Elena Bangueses Buceta, Idoia Cuesta, Lidia Nieves Domínguez, Elena Ferro e Jorge Eiroa, e presidido pola deputada de cultura, Natividade González. Actuou como secretaria Manuela Muñiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes.
Da proposta de Borja Canedo Martínez, titulada ‘Coitelo de cociña Damasco’, o xurado salienta «a complexidade da súa técnica, o dominio do oficio, o uso dos distintos materiais (madeira e ferro), a complexidade do proceso de elaboración e a estética final da peza».
Da proposta de Ezequiel Franchil Gil, que leva por título ‘NASA’, o xurado valorou «a mistura de técnicas tradicionais traballadas cunha visión contemporánea para lograr unha peza utilitaria de gran valor estético que recolle a esencia do mar galego».
Ademais, durante a reunión do xurado, seleccionáronse 30 obras de todas as propostas presentadas ao certame, que formarán parte dunha exposición itinerante que se desenvolverá proximamente.
Borja Canedo Martínez
Borja Canedo, A Coruña 1996, leva dende os dezaseis anos e paralelamente á súa formación, adicándose como aficionado a traballos de forxa e coitelería. Conta con estudos relacionados coa carpintería, o deseño, a soldadura e a xoiaría e, na actualidade, traballa nun taller artesanal de forxa adicado á elaboración de coitelería. Tamén forma parte da Fundación pública de Artesanía de Galicia.
Ezequiel Franchil Gil
Ezequiel Franchil Gil naceu en Bos Aires no 1976 e reside actualmente en Ribadeo. Estudou Belas Artes e, posteriormente, recibiu formación relacionada coa marroquinería e a artesanía. É o creador de «Raíces Nómadas Atelier», que foi declarado Taller Artesán, pola Fundación Pública de Artesanía de Galicia, e participou en diferentes programas sobre artesanía ou turismo. Tamén impartiu clases de marroquinería fina na proposta «Aprender da tradición» , de Artesanía de Galicia.