Besteiro acusa a Rueda de “pouco fiable” e de “opoñerse sistematicamente a calquera negociación que beneficie a Galicia”

por Redacción Galicia

O líder das e dos socialistas galegos criticou a incapacidade do presidente da Xunta para ofrecer cifras claras e coherentes: “Na súa xira mediática galaico-madrileña, primeiro di que perderemos 440 millóns de euros, ao día seguinte 450, e hoxe quizais sexan 500 ou 700. Mañá canto será, señor Rueda?”

Na sesión de Control ao presidente da Xunta celebrada hoxe no Parlamento de Galicia, o líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, desmontou a xestión de Alfonso Rueda, ao que acusou de estar completamente subordinado aos ditados de Alberto Núñez Feijóo, antepoñendo os intereses do Partido Popular ás necesidades urxentes das galegas e dos galegos.

Besteiro non andou con rodeos ao sinalar que Rueda “fala moito de financiamento autonómico nos medios e nas reunións internas do PP, pero no Parlamento, onde debería defender a Galicia, cala.” O líder socialista comparou a dependencia de Rueda coa dun mozo que aínda non se emancipou: “Non vai sendo hora de que se faga maior, señor Rueda?”, cuestionou con ironía.

En relación co financiamento autonómico, Besteiro criticou a incapacidade do presidente da Xunta para ofrecer cifras claras e coherentes: “Na súa xira mediática galaico-madrileña, primeiro di que perderemos 440 millóns de euros, ao día seguinte 450, e hoxe son 500 ou 700. Mañá canto será, señor Rueda?”.

Ademais, Besteiro puxo de manifesto a incoherencia da Xunta ao calcular o infrafinanciamento pola prestación de servizos públicos, con cifras que varían segundo o día: “O seu conselleiro de Facenda falou de 600 millóns de euros, despois veu vostede a dicir 700, despois 800, e mañá, quen sabe, 1000 millóns?”.

Besteiro denunciou que Rueda, seguindo ordes de Feijóo, opúxose sistematicamente a medidas que beneficiarían a Galicia, como a condonación da débeda por parte do Goberno central: “Afirmou vostede que esa condonación de 2.500 millóns de euros non é suficiente. Podería ter sido máis, pero vostedes preferiron endebedarse con bancos privados no canto de facelo co Fondo de Liquidez Autonómico, con intereses máis altos e condicións máis gravosas para Galicia.”

O líder socialista advertiu que mentres outros presidentes autonómicos do PP comezan a rebelarse contra estas directrices, Rueda segue submiso, elixindo sempre ao Partido Popular por enriba dos intereses de Galicia. “Entre Galicia e o PP, vostede sempre escolle o PP”, sentenciou.

O voceiro do PSdeG no Parlamento de Galicia criticou duramente a política fiscal de Rueda, que favoreceu ás elites económicas mentres as arcas públicas galegas sufrían: “A Axencia Tributaria de Galicia informou que en 2022 as súas rebaixas fiscais para os máis ricos custaron 259 millóns de euros en ingresos perdidos. Baixan impostos aos ricos e logo esixen máis fondos ao Estado. Iso non é coherencia, señor Rueda, iso é irresponsabilidade”, dixo.

Outra das críticas vertidas por Besteiro centrouse na xestión de Rueda respecto aos concellos. O líder socialista insistiu en que o presidente da Xunta descargou inxustamente nos municipios responsabilidades que deberían ser competencia da Xunta, como o mantemento de centros de saúde, obras en centros educativos, garderías, vías públicas, e servizos esenciais como a Axuda no Fogar ou o aumento do recibo do lixo. Ademais, acusou a Rueda de distribuír os fondos autonómicos segundo a cor política dos concellos: “É vostede un debedor profesional cos concellos, señor Rueda”.

Nun ton sarcástico, Besteiro describiu a xestión do presidente da Xunta como rexida pola “Lei Rueda: se algo vai ben, é grazas a min, que son moi bo; se algo non vai ben, é culpa de Pedro Sánchez; e se hai que pagar algo, que o paguen os concellos. Os fondos da Xunta están reservados para sobrecustes, contratos a familiares e baixadas de impostos aos que máis teñen”, concluíu.

José Ramón Gómez Besteiro pechou a súa intervención cunha pregunta que quedou, unha vez máis, sen resposta: “Quere vostede falar en serio de financiamento, ou prefire seguir esquivando as súas responsabilidades con Galicia, señor Rueda?”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario