Rematan as obras da rúa Betanzos

por Redacción A Coruña

O Goberno de Inés Rey continúa co seu plan de mellora nos barrios, apostando por gañar espazos peonís

Este venres quedaron finalizados os traballos de mellora da rúa Betanzos, no barrio do Ensanche, coa apertura ao tráfico rodado do treito entre Juan Flórez e Rosalía de Castro. Con esta actuación, o Goberno de Inés Rey continúa coa mellora dos espazos públicos, apostando pola ampliación das beirarrúas, a mellora da accesibilidade e a humanización de diferentes rúas. A actuación na rúa Betanzos contou cun investimento de máis de 300.000 euros. 

O pasado luns 2 de setembro abriuse ao tráfico rodado o treito da rúa entre Francisco Mariño e a praza de Lugo. Neste espazo renováronse integralmente as beirarrúas, que se ampliaron co obxectivo de gañar espazos destinados ao tránsito peonil nunha rúa que conecta cun dos principais enclaves comerciais da cidade, o mercado municipal Eusebio da Guarda, situado na praza de Lugo. Ademais, aproveitando a ampliación dos espazos peonís, habilitouse máis mobiliario urbano para o lecer da cidadanía. Nas próximas semanas plantaranse as árbores na rúa.

Xa este venres reabriuse ao tráfico o segundo treito da intervención, entre Juan Flórez e Rosalía de Castro, logo de rematar onte coas últimas tarefas de pintado e sinalización. Neste espazo xa se levaron a cabo previamente traballos de substitución dos antigos colectores da rede de saneamento.

A nova configuración da calzada da rúa Betanzos é dun único carril de circulación, dunha anchura de 3,50 metros, para o paso de vehículos. Anteriormente tiña dous carrís de circulación no mesmo sentido, en baixada cara á praza de Lugo. Porén, co obxectivo de mellorar a accesibilidade desta rúa, onde hai unha notable afluencia peonil polo impacto comercial da praza e o mercado municipal Eusebio da Guarda, o Goberno de Inés Rey apostou por ampliar as beirarrúas, gañando un metro de ancho en cada marxe.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario