«É o momento para que o Goberno do Estado se comprometa coa defensa dos dereitos lingüísticos da cidadanía e facilite o uso do galego en todos os ámbitos da administración do Estado» apunta Rego
O Bloque Nacionalista Galego, após coñecer e analizar o informe publicado polo Consello de Europa, rexistra iniciativas para que o Goberno do Estado execute as recomendacións nel recollidas e dea cumprimento á Carta das Linguas. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sinala que «é o momento de de avanzar no respecto dos dereitos lingüísticos da cidadanía e garantir o uso do galego en todos os ámbitos da Administración do Estado» e enumera as principais áreas que o executivo debe abordar: ámbito xudicial, administrativo e dereitos das persoas consumidoras.
O último informe do Consello de Europa estabelece unha serie de recomendacións ás diferentes administracións –Goberno do Estado e Xunta de Galicia- en relación ao cumprimento do contido na Carta da Linguas. Neste sentido, en liñas xerais, o documento recolleu unha serie de deberes ao executivo estatal e a organización nacionalista, despois de coñecer o contido, rexistrou iniciativas para que o Goberno do Estado cumpra coas recomendacións formuladas.
En materia xudicial, sinalou o deputado do BNG, o Consello reclamou que se vele porque a lexislación garanta que os tribunais leven a cabo procedementos penais, civís e contencioso-administrativos en galego a petición dunha das partes. Para iso, o BNG ten presentado emendas á Lei de eficiencia organizativa da Xustiza -actualmente en tramitación- que reclama que sexan aprobadas para posibilitar avances neste ámbito. «O Goberno debe recuperar tamén a edición en galego do Boletín Oficial do Estado, tanto en papel como na web, para garantir o acceso á lexislación nas linguas oficiais diferentes do español» engade Néstor Rego.