Tamén fixo referencia a favorecer os investimentos e o acceso a redes eléctricas na provincia e a reducir trámites e custes enerxéticos “coa eliminación do imposto do 7% á produción eléctrica”.
O cabeza de lista do PP ao Congreso, Francisco Conde, visitou Queserías Sarrianas acompañado por membros da candidatura ás eleccións xerais e a portavoz do PP local, Carmen José López, na rolda de contactos co tecido socioeconómico da provincia “para darlle resposta ás súas necesidades dende o novo Goberno de Alberto Núñez Feijóo”.
“Queserías Sarrianas é un exemplo claro do que queremos para o rural, desde o punto de vista do seu impacto na empresa, do seu impacto na fixación de poboación no rural e, sobre todo, tamén un exemplo de transformación. Non solo de elaboración e comercialización de leite, senón tamén de transformación e elaboración de queixos. Polo tanto, é un exemplo de como se pode dar valor ao propio territorio”.
Nese sentido, “desde a candidatura de Alberto Núñez Feijóo estamos impulsando toda unha serie de iniciativas para darlle unha prioridade clara ao sector primario, ao sector do medio rural. Tamén unha serie de medidas que están moi directamente relacionadas coas necesidades non só do sector lácteo, senón tamén da industria agroalimentaria como é o caso de Queserías Sarrianas”. De feito, o Partido Popular propón declarar estratéxicas as cadeas agroalimentarias.
Conde explicou algunhas medidas “orientadas a favorecer os ingresos dos gandeiros e tamén a ofrecer unha maior transparencia na Lei de cadea alimentaria para ter un maior coñecemento dos custes e das marxes e, polo tanto, favorecer que efectivamente toda a cadea poda participar dos beneficios da actividade”. E tamén medidas vinculadas cos investimentos, “favorecendo a liberdade de amortización que pode xerar un maior impacto positivo dende o punto de vista dos investimentos”. E, en terceiro lugar, “propoñemos tamén medidas para simplificar os trámites burocráticos e, por lo tanto, que se podan resolver normas; pero que, ao mesmo tempo, eliminar normas que, neste momento, son realmente obstáculos para a tramitación dende o punto de vista de competitividade”.
O Partido Popular tamén propón “a redución dos custes enerxéticos que, neste momento, tamén afecta dunha forma moi directa ás explotacións agrícolas, gandeiras e á industria agroalimentaria como a eliminación do imposto do 7% á produción eléctrica. Pero tamén facilitando o acceso a redes que na provincia de Lugo tamén pode ter un impacto moi positivo”, engadiu.
EMPRENDER E VIVIR NO RURAL
O candidato popular subliñou, finalmente, as propostas para fixar poboación no rural. Neste sentido, “a principal medida é a de establecer impostos cero para aqueles mozos e mozas que adquiran unha vivenda no rural”. Pero, para a implantación do seu proxecto de vida no rural, “tamén se deben favorecer o desenvolvemento económico do territorio”.
Francisco Conde puxo en valor “medidas para favorecer o sector do medio rural na provincia de Lugo” e, neste caso, para “fortalecer a competitividade da industria agroalimentaria, do sector agrícola e gandeiro e, polo tanto, permitir que, cada vez, sexa máis rendible investir e vivir no rural”.
“Este é un dos obxectivos principais que nos temos marcado dende o Partido Popular e dende o proxecto de Alberto Núñez Feijóo para un cambio necesario que entendemos que necesita España dentro do medio rural”, concluíu.