Maite Ferreiro visita as cociñas provedoras dos comedores escolares do Concello de Lugo

por Redacción Lugo

A concelleira estivo acompañada da xefa de servizo da Concellería de Educación, Beatriz Pérez.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, acompañada da nova xefa de
servizo da Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, Beatriz Pérez, visitou as cociñas que xestionan o servizo de comidas dos comedores escolares nos centros públicos da cidade de Lugo.

Durante a visita, a concelleira destacou a aposta do Concello de Lugo pola alimentación saudable e sostible de todo o alumnado, “dando especial importancia á cociña ecolóxica e caseira que prioriza o uso de productos galegos de proximidade para todas as súas receitas”, insistiu Ferreiro.

No seu recorrido coñeceron de primeira man o proceso de elaboración dos menús, “uns pratos que se serven diariamente nos colexios e que están elaborados con productos de tempada, adquiridos na súa maioría
de empresas galegas, e que non só garante a súa calidade, senón que tamén axuda a mellorar a economía de proximidade”, explicou a concelleira.

Esta visita reforza o compromiso da Concellería de Educación coa promoción e a aposta pola alimentación e os hábitos saudables de todo o alumnado dos centros escolares públicos, “asegurando que os comedores das escolas sexan un espazo onde, ademais de alimentarse correctamente, os rapaces e as rapazas reciban unha necesaria apredizaxe sobre a importancia dunha dieta equilibrada e consciente”.

Dende alí, Ferreiro puxo en valor o traballo do persoal da Concellería de Educación e a colaboración das equipas directivas dos centros que anualmente se leva a cabo de cara ao inicio de curso para organizar este
servizo. «Desde a nosa chegada ao goberno conseguimos que todos os centros públicos de Lugo conten con servizo de madrugadoras e madrugadores, un servizo necesario para moitas familias debido ás súas xornadas laborais», explicou a concelleira.

O Concello realiza un investimento anual superior a 1.5 millóns de euros para o mantemento das escolas, «desde o Concello de Lugo realizamos un gran esforzo para cumprir cunha competencia, a educación infantil de 0 a 3 anos, que é da Xunta de Galiza», e engadiu «seguiremos a realizar un gran esforzo económico e administrativo para dar este servizo ás familias, mentres agardamos a que a Xunta se faga cargo das súas competencias e xestione directamente estas escolas».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario