Rubén Arroxo presenta os datos turísticos do primeiro semestre do ano, que rexistraron 70.742 visitantes ás instalacións turísticas municipais.
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, presentou os datos de turismo do primeiro semestre do ano 2025. Arroxo explicou que os datos evidencian que o traballo do Goberno de Lugo nestes anos posicionou a Lugo como un destino estratéxico á hora de visitar Galiza». Segundo o Tenente Alcalde, «Lugo continúa a rexistrar un importante número de visitantes, e desde o Goberno de Lugo seguiremos traballando
para continuar a mellorar os datos e garantir a mellor atención ás persoas que nos visiten».
A Oficina Municipal de Turismo da praza do Campo atendeu en total a 19.408 turistas na primeira metade do ano, mentres que as salas museísticas municipais continúan a ser un gran atractivo turístico da cidade. Mentres que Porta Miñá e o Centro de Interpretación da Muralla e o MIHL rexistraron, en total, 13.445 visitantes, a Casa dos Mosaicos continúa a ser un dos principais atractivos turísticos da cidade, con 10.442 persoas visitando esta instalación, tan só superada polo Vello Cárcere, cun total de 19.391, consolidándose como a sala máis visitada de Lugo. O Punto de Información Turística da praza Maior, que leva en funcionamento desde o 01 de xuño, rexistrou xa 8.056 persoas atendidas. Rubén Arroxo destacou a importancia desta ubicación, «que nos permite atender ás visitantes en pleno centro da cidade».
Entre os perfís dos visitantes destaca a presenza de países europeos, sendo Portugal, Francia, Italia, Alemaña, o Reino Unido e Irlanda os que sendo máis visitantes rexistraron. Estados Unidos, México, Colombia, Venezuela, Brasil ou Uruguai son os países americanos que rexistran máis visitantes, mentres que do resto do mundo destacan os visitantes chegados a Lugo desde Australia, China, Xapón ou Corea.