A Xunta e a Fundación Breogán fomentan o envellecemento activo cunha nova edición do proxecto Grazas A-vós

por Redacción Deportes

As residencias das Gándaras e A Milagrosa acollerán semanalmente clases deportivas, talleres de estimulación cognitiva e outras accións orientadas ao mantemento e mellora da saúde física e mental dos maiores participantes.

A Delegación territorial da Xunta acolleu hoxe a presentación da segunda edición do proxecto Grazas A-vós, orientado a fomentar o envellecemento activo e a inclusión social das persoas maiores de 65 anos. O programa vai dirixido aos usuarios das residencias das Gándaras e A Milagrosa, de titularidade autonómica.

O delegado territorial, Javier Arias, e o director da Fundación Breogán, Luis Abel Taboada, explicaron os detalles da iniciativa, que inclúe accións enfocadas ao mantemento e mellora da saúde física e mental dos participantes. Cada centro terá actividades unha vez por semana, cunha duración dunha hora por sesión e 20 prazas dispoñibles.

Os cursos desenvolveranse dende novembro ata maio e serán impartidos por persoal especializado da Fundación Breogán en función das actividades a realizar, contando con preparador físico, adestrador de baloncesto e psicólogo.

As actividades deportivas estarán adaptadas ás necesidades e ao estado físico dos asistentes, con programas de exercicios que incluirán actividades aeróbicas, exercicios de forza, flexibilidade e equilibrio. Desenvolveranse ademais dinámicas recreativas que promovan o movemento, como o baloncesto, e ofreceráselles aos participantes orientación sobre hábitos saudables.

Porase tamén o foco na saúde mental, con accións que favorezan a estimulación cognitiva dos maiores e diferentes propostas que contribuirán a mellorar a súa concentración, promover a calma e reducir a ansiedade. Incorporaranse ademais dinámicas para axudarlles a identificar e xestionar as propias emocións.

A segunda edición do proxecto Grazas A-vós inclúe tamén accións complementarias aos propios cursos nos centros, como visitas de xogadores do CB Breogán para compartir experiencias cos usuarios ou invitacións aos partidos que se xoguen en Lugo para que os maiores poidan asistir cos seus familiares.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario