Conclúe o Polymer Processing, que reuniu en Ferrol a máis de 250 persoas posicionando á UDC na innovación de polímeros

por Redacción A Coruña

Por primeira vez na súa historia, a Polymer Processing Society organizou un dos seus congresos anuais en España, elixindo Ferrol como sede dun evento no que participaron persoas expertas de 29 países.

Con éxito e unha notable participación internacional, concluíu hoxe 3 de outubro o congreso da Polymer ProcessingSociety (PPS) que se iniciou en Ferrol o 30 de setembro. Este prestixioso evento científico reuniu a preto de 250 investigadoras e investigadores de 29 países, e consolidou Ferrol como centro de referencia na investigación sobre o procesamento de polímeros. Durante catro días, máis de 200 presentacións científicas e conferencias destacadas ofreceron unha visión avanzada sobre os últimos desenvolvementos na industria dos polímeros, máis coñecidos como materiais plásticos, con especial énfase na sustentabilidade, a economía circular e a innovación en materiais. 

O congreso tivo diversos momentos clave, entre os que cabe salientarmos a cerimonia de recepción o 30 de setembro en Exponav, na que participaron diferentes autoridades, así como a inauguración institucional, que tivo lugar o 1 de outubro no Campus Industrial de Ferrol. Nela, Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña; e Marcos Míguez, o director do campus; entre outras autoridades, puxeron de manifesto a relevancia deste congreso para o avance científico e a proxección internacional da cidade.

Momentos relevantes deste encontro internacional foron as conferencias plenarias (plenary speakers) e as impartidas por líderes da industria (industrial keynotes), como Navantia e Airbus. Entre estas persoas, Mariano Campoy(ICMAB-CSIC) destacou os avances vinculados á electrónica orgánica para producir enerxía solar, mentres que Víctor Casal (Navantia) falou da relevancia das tecnoloxías de fabricación aditiva aplicadas ao ámbito naval, especialmente a impresión 3D de materiais poliméricos para substituír pezas metálicas; pola súa vez, Zulima Martín (Airbus) presentou avances sobre materiais compostos aplicados á industria aeroespacial. Así mesmo, subliñouse o éxito das conferencias impartidas por outro persoal científico de renome como Walter Focke, Suryasarathi Bose, Álvaro Goyanes e Celina Bernal, que abordaron temas sobre polímeros avanzados aplicados en diversas industrias, con especial énfase no ecodeseño e a reciclaxe. 

A isto hai que sumarlle unha cea de gala na que se homenaxeou ao investigador do Departamento de Enxeñaría de Polímeros da Universidade do Minho (Portugal), José Antonio Covas; e á investigadora da Universidade de Bos Aires (Arxentina), Celina Bernal, quen están próximos á súa xubilación. Do mesmo xeito, tamén se recoñeceu a traxectoria da investigadora do Grupo de Polímeros do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), María del Carmen Ramírez, quen tamén rematou a súa etapa laboral na Universidade da Coruña hai un par de semanas. 

Ana Ares, presidenta do comité organizador, puxo de relevo na súa intervención final as cifras do congreso: “Con máis de 250 asistentes de 29 países, o evento reafirma a importancia da colaboración internacional para afrontar os desafíos tecnolóxicos do sector”.  

A clausura institucional, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial, contou coa participación da concelleira de Turismo do Concello de Ferrol, María del Carmen García Fraga; e o vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Jerónimo Puertas; que agradeceron o impacto positivo do evento na proxección internacional da cidade. A conferencia tamén serviu de plataforma para empresas que buscan integrar as novas tecnoloxías de procesamento de polímeros, ao tempo que promoven a innovación sostible e a competitividade industrial. 

O congreso PPS 2024 concluíu cun optimismo compartido sobre o futuro do procesamento de polímeros e cun forte compromiso coa investigación de tecnoloxías que apoien unha transición cara a un modelo industrial máis sostible. As próximas edicións do congreso levaranse a cabo en Nova Zelandia en abril de 2025 e Canadá en setembro dese mesmo ano. 

Liderado do CITENI 

O Polymer Processing 2024 estivo organizado por persoal investigador vinculado ao Grupo de Polímeros, ao Grupo de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM) e ao Grupo Integrado de Enxeñaría, todos eles vencellados ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da UDC. Con todo, o congreso contou co apoio do Campus Industrial e da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, do Concello de Ferrol, Navantia, Exponav e máis da empresa Airbus. 

A maiores, patrocinaron este encontro internacional a Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos, promovida pola Universidade da Coruña xunto con Navantia e adscrita á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), o Instituto Multidisciplinario de Publicacións Dixitais e as empresas Netsch , Waters-TA Instruments, Tecnosa-Explore e Anton Paar. 

Foto: Imaxe de grupo dos máis de 250 investigadores e investigadoras que participaron esta semana no congreso internacional Polymer Processing que tivo lugar no Campus Industrial de Ferrol.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario