Unha licitación inicial á que non se presentou ningunha empresa, unha posterior adxudicación directa a Elecnor, o abono de facturas por unhas supostas obras non verificables ou a renuncia da directora de obra, son algúns exemplos da mala xestión polos que se perde a subvención
O 26 de xaneiro de 2022 publicábase no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras para a concesión de “subvencións destinadas ao reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica que dan servizo aos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia”, das que ao Concello de Valga correspondeulle unha subvención por importe de 1.000.000 euros, respecto dun importe total do proxecto que ascende á cantidade de 1.299.836,45 euros.
O destino desta subvención sería a construción dunha subestación eléctrica alimentada a 66 kV, con transformación a 20 kV, para a alimentación do “Polígono Industrial da Medela” e que se conectará coa liña de interconexión das subestacións de Padrón e Tivo a través dunha nova liña eléctrica duns 50 metros de lonxitude. Outro dos obxectivos é a conexión a esta nova liña de alta tensión da nova subestación transformador redutora de Extrugasa en Campaña, debido á necesidade do aumento de potencia da súa planta industrial. Polo tanto, Concello de Valga e Extrugasa son os dous promotores e participarán na construción da subestación da Medela, tal e como se recolle no convenio asinado entre ambos o 11 de xullo de 2022.
O 10 de marzo 2023 publicábase a licitación “Construcción de subestación eléctrica 6620Kv para alimentación ao Polígono de A Medela en Valga”, sendo declarada deserta o 3 de abril de 2024 ao non presentarse ningunha oferta. Tras isto, o Concello de Valga realiza un procedemento negociado sen publicidade para adxudicar a Elecnor a construción da subestación eléctrica o 14 de novembro de 2023.
Soamente 13 días naturais despois de ser adxudicataria da obra e case tres meses antes de asinarse a acta de inicio das obras, Elecnor xa emitiu unha factura o 27 de novembro de 2023, por importe de 405.684,30 euros. Esta factura foi aboada polo Concello de Valga mediante decreto asinado polo alcalde, con data 20 de marzo de 2024. Membros do BNG de Valga realizaron unha visita ao lugar das obras días despois de que o concello aboase dita factura, mais alí nada se tiña feito, soamente se puido comprobar que o único realizado foron os traballos de acondicionamento da parcela, labores xa feitas con anterioridade á concesión da subvención.
Malia que a empresa responsable das obras xa recibiu un primeiro pagamento por unhas obras inexistentes, o 6 de maio de 2024 Elecnor solicitou ao concello a “suspensión temporal total do contrato” por necesidade de modificación do proxecto, existencia de anomalías detectadas nos traballos de acondicionamento da parcela (recheos non acordes ao proxecto e dimensións da plataforma erróneas) e a existencia dunha cota de explanación (pendentes) que non cumpre co desnivel esixido por UFD, a distribuidora de electricidade de Naturgy. Os traballos de acondicionamento aos que fai referencia Elecnor, e dos que xa se deu conta anteriormente, foron realizados con anterioridade á concesión da subvención. Nunha nova visita realizada por membros do BNG de Valga púidose comprobar que os materias empregados foron entullos e restos de obras, así como a existencia dunhas pendentes non compatibles coa normativa vixente.
O 20 de maio de 2024, mediante un decreto asinado polo alcalde, o Concello de Valga desestima a solicitude de suspensión temporal do contrato pedida por Elecnor en base aos informes realizados polo arquitecto municipal e a directora da obra Clara Cereijo Méndez, quen posteriormente renunciou ao seu cargo, feito este que supuxo un sobrecuste da obra de 8.470 euros por liquidación do contrato.
En definitiva, ante a mala xestión do equipo de goberno do Partido Popular, e a imposibilidade de finalizar a obra na data prevista, o Concello de Valga verase na obriga devolver 325.343,66 euros correspondes ao adianto en concepto de anticipo da anualidade de 2024 e non recibirá os outros 325.343,66 euros restantes de dita anualidade. En total, Valga perderá unha axuda de 650.687,33 euros, feito este que comprometerá aínda máis a xa difícil situación financeira municipal.