A actuación, que consistirá na renovación do céspede artificial e do peche perimetral, ten un orzamento de máis de 430.000 euros.
O Concello publica este mércores o expediente de contratación dos traballos de mellora do campo de fútbol municipal Víctor Fernández Alonso, coñecido popularmente como a Leyma. Os traballos terán un prazo de execución de tres meses e un orzamento de máis de 430.000 euros. Con esta actuación o Goberno de Inés Rey segue amosando o seu compromiso co deporte local e os clubs de fútbol da cidade.
Os traballos buscan a mellora xeral desta instalación deportiva ao aire libre, onde xa foi renovado recentemente o sistema de iluminación, pasando a ser de tecnoloxía led de baixo consumo, reducindo á metade o gasto enerxético. Nesta ocasión, a actuación consistirá na renovación do céspede artificial e do peche perimetral. A superficie de xogo será renovada por un céspede artificial de última xeración. Tamén se substituirán as porterías de fútbol 11 e fútbol 7, así como as marquesiñas dos bancos. Ademais, tamén se remodelará a rede de rego existente actualmente, que pasará a incorporar un programador automático.
Outra das medidas destacadas será a intervención nos espazos de paso ao edificio dos vestiarios, onde se renovará o firme. A maiores, o plan de obra inclúe a construción dunha rampla á zona de entrada ás bancadas, o que lles facilitará o acceso ás persoas con mobilidade reducida. Por outra banda, o Concello saneará o muro perimetral do campo, e renovaranse tanto o balado sur como as redes perimetrais que evitan a saída de balóns aos espazos exteriores do campo.