Óscar García Maceiras, CEO de Inditex, imparte a conferencia inaugural do curso na Facultade de Economía e Empresa da UDC

por Redacción A Coruña

O evento foi presidido polo reitor da Universidade da Coruña, quen agradeceu ao CEO, antigo alumno da UDC, a súa dispoñibilidade para acompañar ao alumnado neste acto inaugural.

A Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña acolleu hoxe a conferencia inaugural do presente curso académico 2024/2025, a cal tivo como protagonista un invitado de recoñecido prestixio: Óscar García Maceiras, CEO do Grupo Inditex.

O evento foi presidido polo reitor da UDC, Ricardo Cao, quen agradeceu a García Maceiras a súa dispoñibilidade “para poder estar hoxe na que foi a súa casa, a Universidade da Coruña, onde se graduou en Dereito no ano 1998, con Premio Extraordinario de Licenciatura e Premio Fin de Carreira”.

Reitor e CEO estiveron acompañados na mesa presidencial pola decana da Facultade, a docente Carmen Lema, e polo director da Cátedra de Internacionalización Luis Fernández Somoza, Manuel Gómez, grazas á cal foi posible a celebración desta actividade.

García Maceiras realizou unha exposición inicial sobre a empresa Inditex, o seu modelo de negocio e estratexia, e a continuación mantivo un coloquio coas persoas asistentes, que puideron expoñerlle as súas preguntas e coñecelo nun contexto máis próximo.

Óscar García Maceiras

Óscar García Maceiras, ademais de licenciado en Dereito pola UDC, é doutor en Dereito pola Universidade CEU San Pablo. Avogado do Estado, exerceu na súa cidade natal, A Coruña, desde 2001 ata 2005, ano no que se incorporou ao Banco Pastor, primeiro como director da Asesoría Xurídica e despois como secretario xeral do Consello. En 2012 o Banco designouno vicesecretario do Consello e director da Asesoría Institucional. Ese mesmo ano foi nomeado director xeral de Desenvolvemento Corporativo e Asuntos Legais na Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB), ademais de secretario xeral e do Consello. 

Xa no 2016, uniuse ao Banco Santander como director da Asesoría Xurídica e vicesecretario do Consello. 

En marzo de 2021 chegou á compañía téxtil como secretario xeral e do Consello, e oito meses despois asumiu o cargo de conselleiro delegado, posto que ostenta na actualizade.

A Cátedra de Internacionalización Luis Fernández Somoza

Esta actividade está enmarcada dentro das iniciativas da Cátedra de Internacionalización Luis Fernández Somoza, cuxo obxetivo é proxectar internacionalmente ao alumnado e profesorado da Facultade de Economía e Empresa da UDC, así como contar coa presenza de personalidades derecoñecido prestixio académico ou profesional, para que compartan as súasexperiencias e acheguen a súa visión sobre a complexa realidade económica actual.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario