A Mesa denuncia que os datos presentados esta mañá polo IGE certifican a “emerxencia lingüística extrema” que sofre o galego

por 21 Noticias

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, denunciou esta mañá que os datos publicados polo IGE indican “un estado de emerxencia lingüística extrema”, co descenso tanto do uso como do coñecemento da nosa lingua que, segundo Maceira, “son a consecuencia lóxica da exclusión do galego da maior parte dos ámbitos da vida social”.

Maceira salienta como especialmente preocupantes os datos de descoñecemento do galego na mocidade. En menores de 15 anos pasouse de 23,9% que aseguran saber pouco ou nada de galego, ao 32,4%. En menores de 29 anos pasouse do 9,84 de 2018 ao 15,48% de 2023. “Estamos a falar”, sentencia o presidente da Mesa, “da primeira xeración completa que padece as consecuencias do Decreto 79/2010 contra o galego”. “Esta situación está directamente relacionada cun ensino que non garante a competencia lingüística”, explica, “que incumpre até nos máximos que permite de galego e onde a propia Xunta non garante materiais didácticos en galego”. 

Isto xúntase coa desaparición do galego do lecer infantil e xuvenil (0,4% nos xoguetes, 1% no audiovisual, ausente en actividades deportivas); coa exclusión do galego na administración de Xustiza, cun uso inferior ao 1%, onde a Xunta non permite o uso do galego no seu programa informático (Minerva Nox) e o Estado non garante o coñecemento por xuíces, fiscais e LAX; ou con límites “moi graves” na oferta e uso por parte das persoas consumidoras e das empresas, derivados dunha lexislación restritiva, “porque o galego non é lingua oficial da UE ou porque a pouca lexislación que ampara o galego non se cumpre”.

“É imposíbel que os datos poidan mellorar significativamente”, advirte Maceira, “se non se garante que calquera persoa que queira vivir en galego poida facelo”. “Este era o obxectivo principal do PXNLG de 2004”, recorda. “Un plan incumprido, atacado e despezado en todos os seus obxectivos e medidas”. “Calquera Plan que queira realmente reverter a situación do galego”, indica o presidente da Mesa pola Normalización Lingüítica, “debe partir dos obxectivos e medidas xa aprobados no PXNLG, actualizándoo e estabelecendo un calendario de aplicación e avaliación de resultados daquelas medidas plenamente actuais”.


Marcos Maceira recordou, tamén, que a Mesa está xa traballando para reverter esta situación, ofrecendo información e asesoramento a pais e nais sobre os dereitos mínimos no ensino e extraescolares, cunha campaña sobre dereitos e deberes lingüísticos entre o funcionariado, impulsando iniciativas como Abertos ao Galego que procuran o compromiso do ámbito empresarial e denunciando a situación de exclusión do galego, tanto diante da propia sociedade galega como diante das institucións internacionais como a Comisión de Dereitos Humanos da ONU, á que hoxe mesmo lle enviou un informe sobre a situación que se vive no ensino, na xustiza e na administración, que se exporá o 30 de abril en Xenebra.

“Se o conselleiro de verdade quere actuar para atallar esta situación”, remata Maceira, “non se entende que non se reúna cunha entidade como A Mesa que as institucións europeas ou mesmo a ONU consideran interlocutora válida”.

¡OS NOSOS LUGARES, NA NOSA LINGUA

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario