O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamoulle hoxe ao Goberno galego que poña en marcha un plan de axudas aos agricultores polas perdas ocasionadas polo paso do temporal Kirk, estimadas en máis de 120 millóns de euros. O responsable socialista fixo estas declaracións antes de participar en Lugo nos actos da festividade do 12 de Outubro.
Besteiro reclamoulle á Consellería do Medio Rural que convoque ás organizacións agrarias para acordar a valoración definitiva dos danos e consensuar un plan de choque con axudas directas ás explotacións afectadas, que contemple tamén a bonificación das cotas da Seguridade Social xa neste ano e unha planificación para a reconstrución das infraestruturas afectadas.
Alertou dos graves danos rexistrados nos cultivos de toda Galicia, ante os que o Goberno galego non fixo aínda ningún movemento, cando o millo forraxeiro sufriu perdas de 65,5 millóns de euros na provincia da Coruña e a castaña rexistrou perdas de 15 millóns de euros, principalmente en Viana do Bolo. Tamén os cultivos de pataca da Limia están en perigo polos asolagamentos, enfrontándose os produtores a unhas perdas que poderían ascender ata os 15 millóns de euros, segundo estiman os produtores.
A lista de danos continúa coa afectación da mazá na Estrada, os prados arrasados polas enchentes en localidades de Lugo como Cospeito ou na Terra Chá, así como as perdas na faba de Lourenzá e os graves danos na produción de oliva e os cultivos de horta en toda Galicia.
“Onde está a Xunta?”, preguntouse o secretario xeral do PSdeG, que instou ao Executivo de Rueda a “poñerse as pilas”.
Responsabilidades políticas
Besteiro criticou a inacción da consellería de Medio Rural respecto ao paso do Kirk, ao igual que a de Educación, que debería asumir responsabilidades políticas por ter posto en risco a seguridade de nenas e nenos ao non suspender as clases nin o transporte escolar, nunha xornada na que se produciron incidencias moi graves nalgúns centros educativos mentres o peso das decisións recaía nos directores dos colexios.
En declaracións posteriores, lembrou que, a causa da inacción do Goberno galego, tiveron que ser algúns dos propios centros os que decidiran suspender as clases mentres os responsables de Educación non adoitaban ningunha medida para evitar que calquera nena ou neno resultara afectado por algunha das máis de 1.300 incidencias rexistradas en toda Galicia.
Entre os danos máis significativos atópanse os que se produciron no IES de Porto do Son, o conservatorio de música de Santiago ou o IES As Bizocas, do Grove, ademais das estradas asolagadas, con refachos de vento de 150 quilómetros por hora, as caídas do subministro da luz ou as numerosas árbores derrubadas.
Lingua
José Ramón Gómez Besteiro referiuse tamén aos datos que vén de publicar o Instituto Galego de Estatística sobre o uso do galego. Responsabilizou á Xunta dunha situación que cualificou de “verdadeira pena” e que vén provocada, dixo, polos 15 anos de “desprezo á nosa lingua” por parte dos gobernos de Feijoo e Rueda. O resultado é que o galego xa se fala menos que o castelán, segundo fixo público onte o IGE.
Besteiro lamentou tamén que mentres o ano pasado os socialistas, con el mesmo á cabeza, defendían e lograban o uso do galego no Congreso, o PP rexeitou este ano que se estendera o seu emprego no Senado.
Tras a reacción do Partido Popular e do Goberno galego aos datos do IGE, co conselleiro responsable, Román Rodríguez, intentando eludir a súa responsabilidade e o portavoz do Grupo Parlamentario do PP botándolle a culpa á chegada de migrantes, Besteiro lanzou unha advertencia: “Como sigamos así, a desaparición do galego será máis pronto que tarde”.
Fronte á posición de quen “non cré na nosa lingua nin na nosa cultura” e fronte a unha realidade “nunca imaxinada”, o secretario xeral do PSdeG reclamou medidas urxentes. “Temos que potenciar que a xente fale máis galego”, insistiu.