Raquel Arias salienta que 128 persoas poden beneficiarse na comarca de Lemos do servizo Xantar na casa 

por 21 Noticias

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, salientou hoxe que 128 persoas da comarca de Lemos poden beneficiarse neste momento do servizo Xantar na casa, unha prestación financiada pola Xunta de Galicia, en colaboración cos concellos, que consiste na subministración de comidas no propio domicilio a persoas maiores de 60 anos que teñan limitada a súa capacidade de autonomía persoal e sen rede de apoio que puidera suplir tal situación.

Raquel Arias explicou que estas persoas reciben nos seus propios domicilios un menú para cada día, consistente nun primeiro prato, segundo prato e postre, que só terán que quentala antes de consumila. “Estamos a falar dun programa social, xa que non só reparte comida a domicilio, senón que ten como obxectivo principal mellorar a calidade de vida das persoas atendidas”, manifestou.

BENEFICIOS

“Este programa ten como obxectivo principal garantir unha dieta saudable, adaptada e equilibrada ás necesidades específicas de cada usuario, principalmente maiores que viven sos”, indicou a portavoz popular.

Ademais, apuntou que este servizo “deriva nunha serie de beneficios tanto para os que o utilizan como para as súas familias, xa que posibilita a permanencia dos usuarios nos seus fogares e facilita atención e coidados ás persoas que o precisen na súa propia contorna, evitando así o seu desarraigo e retardando posibles traslados a centros de atención”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario