O delegado territorial, Javier Arias, visitou as instalacións da firma lucense Himikode para coñecer unha novedosa solución tecnolóxica orientada á industria alimentaria do sector do café, que foi beneficiaria desta liña de axudas.
A Xunta fomenta a innovación nas pequenas e medianas empresas a través do programa DeseñaPeme, que na actual convocatoria destina 281.600 euros a apoiar novos proxectos que mellorarán a competitividade de cinco firmas da provincia de Lugo.
O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, visitou na capital lucense a empresa Himikode Tech, beneficiaria de 75.000 euros na anterior edición para consolidar unha innovadora solución tecnolóxica orientada á industria alimentaria do sector do café que opera na canle Horeca (hoteis, restaurantes e cafeterías).
A firma desenvolve o sistema Hkcoffee, que dixitaliza as máquinas de café e permite unha xestión máis eficaz ao monitorizar os datos de consumo, facilitar o mantemento preventivo dos equipos e controlar en tempo real a calidade de todo o proceso.
Himikode é unha empresa de base tecnolóxica fundada en 2018 en Lugo que traballa en produtos e servizos TIC enfocados ás empresas do sector agroalimentario. Foi unha das pemes participantes na aceleradora de innovación especializada no sector agroalimentario Business Factory Food (BFFood), promovida polo Clúster Alimentario de Galicia e a Xunta co obxectivo de impulsar proxectos innovadores no ámbito da industria alimentaria.
Arias salientou que o programa DeseñaPeme busca axudar ás empresas galegas a mellorar a súa capacidade de innovación a través do financiamento de novos proxectos ou plans de deseño.
As cinco firmas lucenses beneficiarias na edición de 2024 pertencen aos concellos de Lugo (2), Viveiro (2) e Castroverde. Co apoio da Xunta desenvolverán iniciativas nos ámbitos agroalimentario, forestal e das TIC.