Sinala que o informe do CES evidencia a realidade “terriblemente cruel” da xestión dun Feijóo que perdeu 40.000 empregos industriais, 1.100 no sector primario e 1 de cada 4 mozos está en risco de exclusión
O viceportavoz do Grupo Socialista, Julio Torrado, advertiu hoxe que o informe do CES vén desmentir o argumento do PP que presenta Galicia como exemplo da xestión de Feijóo para o resto de España. Torrado sinala que os datos do ente debullan unha Galicia “en declive” e “tremendamente desaproveitada”, cun sector industrial minguante, a I+D+i en situación precaria e 1 de cada 4 mozos e mozas en risco de exclusión.
O informe do Consello Económico e Social, dirixido por un ex conselleiro galego e membro sinalado do PP, ofrece unha valoración “bastante realista” que máis que respaldar, alerta fronte á intención de Feijóo de facer en España o que antes fixo en Galicia, como está a anunciar o PP galego. O balance “preocupante” alerta da situación económica de Galicia, que baixo os gobernos de Feijóo e Rueda perdeu 40.000 empregos industriais en 14 anos.
A ausencia dunha verdadeira política industrial é o balance dos gobernos do PP, detrás da caída imparable do índice de competitividade industrial de Galicia fronte ao seu competidor directo, que é a rexión Norte de Portugal. Algo semellante sucede co sector primario, onde os gobernos de Rueda e Feijóo só poden ofrecer como balance a perda de 1.100 empregos na pesca e na agricultura nun só ano.
O responsable socialista alertou que un Feijóo que “na súa vida comprou un quilo de laranxas” -como demostrou ao descoñecer o prezo real deste produto-, queira entregarlle a xestión do sector primario á ultradereita “co que ten de relevante para Galicia”, como están a facer nos acordos de goberno que veñen asinando logo das eleccións municipais e autonómicas.
O parlamentario socialista continuou co balance debullado polo CES dunha Galicia na que 1 de cada 4 mozos e mozas está en risco de exclusión social pola falla de xestión dun PP que “mentres reclama medidas contra a inflación demostra que deixou sen tarxeta básica aos máis necesitados e sen impostos aos máis ricos”, evidenciando as súas verdadeiras prioridades.
Algo semellante sucede na falla dunha política de I+D+i, detrás da perda de competitividade ou dunha crise demográfica que demostra unha “Galicia en declive”, e que ofrece un balance “moi difícil para darlle argumentos a un Feijóo acobardado que por iso non quere falar de economía”.
O mesmo CES ofrece “apuntes dramáticos” en igualdade mentres Feijóo demostra que “lle importa bastante pouco” e non dubida en entregarlle o discurso á ultradereita “onde pode” porque “a súa única ideoloxía é o poder”. O CES alerta de que 3.652 denuncias e as 1.430 ordes de protección demostran que a violencia de xénero, que para Feijóo é unha “moeda de cambio”, constitúe un problema social de primeira orde.
Sanidade
O responsable socialista alertou que o PP “constantemente segue a perpetrar un ataque contra a sanidade pública” ao deteriorar as condicións laborais, ata o punto de que a un profesional sanitario de Vigo lle compensa traballar en Berlín polo triplo salario e máis preto que unha praza que o Sergas lle “racanea” en Ribadeo. Advirte que “temos un problema coa calidade laboral” mentres o Estado ten convocado o sexto MIR consecutivo máis grande da historia.
Acusou ao goberno galego de malograr os esforzos do Estado para mellorar a situación da sanidade pública, logo de lembrar que Feijóo renunciara a formar 180 profesionais de atención primaria, e só no último ano deixaron sen cubrir 100 prazas MIR para Galicia. Lembrou que a OPE de enfermaría desta pasada semana, na que se presentaron 10.000 aspirantes a 1.000 prazas, demostra que “hai profesionais, o que non hai é vontade política” para mellorar as condicións.
A xestión do goberno galego levou a Galicia a rexistrar por exemplo a peor ratio de profesionais sanitarios en saúde mental, “vulnerando clarisimamente o dereito á sanidade pública” dos galegos e das galegas, ao mesmo que sucede en diversas categorías do sistema sanitario.