As oito persoas detidas na etapa do Corgo de “La Vuelta” fomos chamadas a declarar o vindeiro mes de decembro por un delito de “Desordes públicas”. Denunciamos a falta de coherencia do Goberno estatal, que publicamente mostrou o apoio ás protestas, que ao mesmo tempo criminaliza; e facemos un chamamento á solidariedade para poder afrontar as multas propostas, así como os gastos xudiciais.
A participación do equipo Israel Primer Tech na Volta Ciclista motivou protestas xeneralizadas en todo o percorrido da competición deportiva debido aos vínculos do seu propietario co primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu. Que este equipo ciclista percorrera as rúas mentres o seu dono mantiña relacións co sionismo, principal responsábel do masacre palestino, non é máis ca un intento de normalización do xenocidio.
Sancións de entre 3.000 e 5.000 euros
Nestas protestas oito persoas fomos detidas no Corgo pola Guarda Civil, e dúas máis ao final da etapa en Monforte, onde outras tres persoas foron identificadas e incluídas no atestado da policía Nacional. En total somos 13 persoas en Lugo que pedimos a nosa absolución. Presumíbelmente todas imos ser xulgadas e tamén se nos abrirá expediente administrativo na Delegación do Goberno, ante a que a Comisión Antiviolencia solicita multas de entre 3 e 5 mil euros por persoa.


Denunciamos así mesmo a hipocresía do goberno, que mentres apoia publicamente as protestas, pola parte de atrás está a criminalizar ás persoas que denunciamos e que nos negamos a aceptar a normalización dun xenocidio, con propostas de multas abusivas, por exercer o noso dereito de manifestación e protesta.
Campaña de solidariedade
A Plataforma Lugo por Palestina ven de poñer en marcha unha campaña de solidariedade para recadar fondos cos que facer fronte ás avultadas multas que AGARDAMOS recibir. No caso de que a campaña de recadación supere a contía necesaria, comprometémonos a destinar o excedente á causa palestina. Calquera persoa que queira, pode facer unha achega económica na seguinte conta bancaria:
Titular: A Hedreira
Banco: Caixa Rural Galega
Concepto: Represaliad@s LA VUELTA
N.º de conta: ES60 3070 0032 9764 4952 6927