Besteiro destaca que “o 90% do rural lucense terá internet de alta velocidade en 2024 grazas ao goberno de Pedro Sánchez”

por Redacción Lugo

Antas de Ulla é un dos veintiún concellos beneficiados nesta segunda convocatoria do Programa de Banda Ancha que permitirá que en 2025 o 100% da cidadanía lucense teña conexión a internet ultrarrápida.

Atallar a fenda dixital que afecta, sobre todo, ao medio rural, e así loitar contra o despoboamento é unha das apostas do Goberno de Pedro Sánchez. José Ramón Gómez Besteiro mantivo este mércores en Antas de Ulla unha reunión coa súa alcaldesa, Pilar García Porto, para tratar o impacto dos programas de acceso a banda ancha que está a levar a cabo o Goberno socialista na provincia de Lugo e comprobar “in situ” os avances deste operativo que está na súa segunda fase de desenvolvemento.

O cabeza de lista ao Congreso puxo en valor os 22,5 millóns de euros investidos polo Executivo Central co Plan de Recuperación, a través do Programa de Banda Ancha, cos que levará a tecnoloxía de conexión de alta velocidade a máis de 84.000 vivendas e empresas da provincia de Lugo. “O acceso á rede de Internet no noso país é un dereito que comprometemos os socialistas, un servizo básico e imprescindible que sempre defendemos e que era unha materia pendente, co que buscamos fomentar a cohesión social e territorial, impulsando o tecido empresarial, ao tempo que loitamos contra un dos principais retos de Lugo: o despoboamento dos municipios pequenos”, salientou.

Neste senso, asegurou que grazas ao esforzo do Goberno de Pedro Sánchez a extensión de banda ancha na provincia é unha realidade. “Antas de Ulla é un dos numerosos exemplos de como as políticas implantadas polos socialistas están mellorando a calidade de vida dos lucenses, pois  gran parte dos núcleos de poboación do municipio xa dispoñen deste modelo de conectividade”, insistiu Besteiro quen lembrou que con este programa en 2025 o 100% da cidadanía lucense estará conectada con banda ancha ultrarrápida.

“Con esta medida aseguramos que os lucenses que viven no rural teñan os mesmos dereitos que os que viven nas cidades, podendo desenvolver os seus proxectos vitais e profesionais accedendo á conectividade dixital e ofrecendo oportunidades aos máis novos para que se queden nos seus pobos”, reiterou o cabeza de lista ao Congreso.

O 90% do rural estará “conectado” o ano que vén

Gómez Besteiro afirmou que “a conectividade no medio rural pasará do 38% da poboación no ano 2018 a alcanzar o 90% en 2024 grazas aos investimentos previstos e os que xa están en marcha”.  Dende o Partido Socialista, sinalou,  “achegamos a banda ancha a todos os recunchos da provincia, aínda que sexan territorios pouco poboados, dispersos ou remotos, porque non imos permitir que ninguén quede atrás na transformación dixital”.

Durante a visita ao concello de Antas de Ulla, o candidato socialista lembrou que as familias e as empresas de Lugo xa poden solicitar a conexión a internet vía satélite por un prezo competitivo. Así, avanzou que o Goberno de Pedro Sánchez vén de poñer en marcha o programa UNICO-Demanda Rural, unha solución transitoria que ofrece en tanto en canto non conclúen os proxectos de extensión da fibra óptica que se están a executar.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario