Censura que Feijóo abra as portas a un acordo co Vox: “o seu verán azul está cheo de sombrillas verdes que permean o peor da radiación social dun partido de ultradereita”
O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, sinalou que a Memoria do CES de 2022 evidencia a falla de resultados da xestión de Feijóo e Rueda á fronte da Xunta. Na sesión de control ao presidente da Xunta advertiu que o documento, presentado a semana pasada polo ex conselleiro da Xunta Agustín Hernández, evidencia unha situación “preocupante” dunha “Galicia en retroceso” logo de 14 anos de goberno do PP, “incapaz” de apoiar e de impulsar políticas a favor da Comunidade Autónoma.
Este informe, dixo, desminte que o goberno galego defenda os intereses de Galicia e alerta dun preocupante aumento as poboación e risco de pobreza nunha autonomía que está á cabeza de España en xubilados en risco de penuria económica. Sinala ademais unha alarmante fenda de xénero no emprego e nas pensións, cunha diferenza de 400 euros entre as mulleres e os homes, ou o incremento da taxa de abandono escolar.
Lamentou que o goberno galego se amose “orgulloso” dunhas listas de espera sanitarias “inadmisibles”, que segundo o CES se sitúan nos 75,4 días, cunha perda xeneralizada da calidade na atención primaria, aínda peor nas zonas rurais. O mesmo informe que alerta da perda de 40.000 empregos industriais e certifica o fracaso da política económica do goberno galego, responsable da situación “moi precaria” do gasto en I+D+i, por detrás mesmo da Eurorrexión.
Álvarez advertiu que logo de 3 anos de Lexislatura e un ano de goberno de Rueda tense situado “no lado incorrecto da historia” ao situarse na confrontación ao goberno central en base a “críticas infundadas”. Fixo un repaso das negativas do PP, en contra das pensións non contributivas, da revalorización das pensións, do salario mínimo, da reforma laboral, da redución da fenda de xénero, ou de limitar a suba dos alugueiros e das tarifas eléctricas.
“Tanto votan en contra que teñen o botón vermello desgastado”, dixo Álvarez como exemplo dos 3 anos de mandato “incapaces” de apoiar políticas a favor de Galicia, mesmo chegando a “apoiar discursos que van contra a igualdade e a liberdade e contribuíndo aos discursos do odio”. Criticou que queiran “unha sociedade sen dereitos”, como demostran ao prohibir unha película para nenos en Cantabria por incluír un bico entre dúas mulleres ou eliminar as bandeiras LGTBI.
Apostillou que “o problema é que o seu verán azul -en alusión á errada campaña do PP- está cheo de sombrillas e de toldos verdes nos que permea o peor da radiación social dun partido de ultradereita”. Así o dixo logo de lembrar o voto en contra, onte, dunha moción presentada polo PSdeG en contra dos que negan a violencia machista e a existencia mesma do machismo e que rexeitan as políticas de igualdade.
Alertou fronte ao anuncio de Feijóo, que esta mesma semana confirmou que gobernaría con Vox logo de ter negado acordos co partido da ultradereita porque van “en contra de Galicia”. Álvarez fixo un repaso das contradicións do candidato “espero que frustrado” á presidencia do goberno, que agora considera “substancialmente boa” e “abraza” a reforma laboral que o PP “estivo a punto de derrubar”.
O mesmo Feijóo, lembrou, que defende agora o imposto á banca que antes cualificaban de “abominación ideolóxica» e que apoiou o recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Educación elaborada pola ministra Isabel Celaá, que o Tribunal Constitucional vén de desestimar.