Os equipos de enfermaría a domicilio do Sergas realizaron xa máis de 32.000 consultas

por Redacción Galicia

A creación destes 35 novos equipos de soporte de atención domiciliaria (ESAD) supuxo a ampliación da carteira de servizos do Sergas en atención primaria en zonas rurais

A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, en resposta parlamentaria na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, subliñou as 32.976 consultas realizadas polos equipos de soporte de atención domiciliaria (ESAD) desde a súa posta en marcha polo Servizo Galego de Saúde en decembro de 2022.

Enmarcada no Plan de Acción de Atención Primaria y Comunitaria 2022-2023, a creación de 35 novos equipos, formados por 70 profesionais de enfermaría, supuxo a ampliación da carteira de servizos do Sergas en atención primaria.

“A poboación galega do rural, cun alto índice de envellecemento e unha elevada prevalencia de enfermidades crónicas, presenta en moitas ocasións dificultades, por distintas causas, para acudir ao sistema público de saúde. Por este motivo, decidimos dar un paso adiante creando estes 35 equipos, formados cada un por dúas enfermeiras, que dan cobertura en quendas de mañá e tarde a todo o territorio galego”, sinalou a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares.

Para levar a cabo esta actividade, a axenda do persoal de ESAD constituíuse con 6 ocos diarios, cun tempo estimado de 50 minutos cada un, que se pode adaptar en función das necesidades de cada paciente e o tempo empregado para os desprazamentos.

Contido das consultas

Os equipos de ESAD foron ampliando o perfil de paciente desde a posta en marcha do servizo. Inicialmente pacientes de alta en Hospitalización a Domicilio (HADO) para dar continuidade aos coidados, pacientes inmobilizados que non tiveran sido valorados a domicilio polo equipo de atención primaria nos seis meses anteriores, pacientes crónicos complexos e paliativos. Para de seguido atender pacientes de estrato 3, maiores de 75 anos, con pluripatoloxía e polimedicados que tiveran algún ingreso hospitalario nos últimos 6 meses e, na actualidade, chegar a todos os pacientes de estrato 3 con pluripatoloxía, sen límite de idade nin de número de fármacos, excluíndo unicamente a pacientes con tratamento oncolóxico activo.

Desta forma, o persoal de enfermaría realizou de xeito habitual ata 18 actos diferentes, predominando, por riba de todo, os actos de “Consello, seguimento e coidados” con 8.477 consultas, “Valoración de historia clínica” con 13.632 consultas, “Programa de crónicos” con 8.558 consultas e o acto de “Educación sanitaria”, acadando as 2.309 consultas.

O desempeño destes equipos, polo momento, acadou un total de 32.976 consultas realizadas nos seis meses que levan exercendo a súa actividade.

Estratexia Galega de Saúde Comunitaria en Atención Primaria 2023-2027

Para facilitar a labor dos profesionais no deseño, aplicación e avaliación das intervencións comunitarias, a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, trasladou que o Sergas considerou necesario reforzar o apoio a todo este traballo para impulsalo e estendelo a toda a atención primaria de Galicia.

A tal efecto, a Dirección de Planificación e Reforma Sanitaria, en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública e a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, elaborou a Estratexia Galega de Saúde Comunitaria en Atención Primaria 2023-2027, aprobada polo Consello da Xunta o pasado día 29 de xuño de 2023.

Deste xeito, a orientación comunitaria da atención primaria trae consigo un cambio de paradigma que supón a evolución dunha atención sanitaria centrada na enfermidade a outra biopsicosocial, centrada na persoa dun xeito integral e no seu contexto social e familiar.

Etiquetas , ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario