Representantes da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia e axentes do sector da innovación reuníronse co equipo de Oxentia, entidade que naceu como división de Oxford University Innovation, líder mundial en transferencia
Expertos en innovación e transferencia de coñecemento de Oxford visitaron Galicia para coñecer os avances do ecosistema de I+D+i galego co obxectivo de establecer fórmulas de colaboración e sinerxías. Mantiveron varias reunións con representantes da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia, da Fundación Barrié, responsables de innovación das tres universidades galegas, da alianza dos centros tecnolóxicos galegos (Atiga), do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e das Fundacións sanitarias galegas.
Oxentia é unha consultora especializada na xestión da innovación que naceu como unha división operativa dentro da entidade líder mundial en transferencia de tecnoloxía da Universidade de Oxford, Oxford University Innovation. Esta consultora imparte accións formativas dirixidas a persoal investigador e persoal xestor de transferencia que se enmarcan no Programa Ignicia, promovido pola Xunta de Galicia e a Fundación Barrié. Ignicia é unha iniciativa singular e pioneira en España que ten como obxectivo transferir os resultados da I+D xerada nos centros de coñecemento galegos ao tecido produtivo, de xeito que se valorice o investimento en ciencia, xerando tamén impacto na sociedade.
O equipo de Oxentia tamén participou na sesión de presentación da primeira edición do Programa de capacitación para a transferencia en Humanidades e Ciencias Sociais (HCS) de Ignicia, que se celebrou esta mañá en Santiago de Compostela e que se impartirá de outubro a decembro de 2023. Trátase dunha acción pioneira en España nestes ámbitos de coñecemento, de carácter gratuíto e dirixida tanto a persoal investigador como a persoal de xestión da transferencia, que ofrece sesións de formación, obradoiros e entrevistas con mentores para os proxectos máis prometedores.