Noelia Otero responsabiliza á dirección da CRTVG do “clima irrespirable de acoso” contra os traballadores e traballadoras do ente

por Redacción Galicia

Denuncia que a dirección da CRTVG leva 12 anos incumprindo a Lei galega de medios audiovisuais, igual que a Lei audiovisual estatal aprobada en 2022, para manterse “ao servizo, ás ordes e intereses directos do PP”

A deputada socialista Noelia Otero sinalou á dirección da CRTVG como principal responsable do “clima irrespirable de acoso” contra os traballadores e traballadoras do ente que se negan a seguir as directrices políticas do PP. Otero interveu na comparecencia do director xeral do ente na Comisión da CRTVG do Parlamento, na que lle lembrou que vén de estar investigado xudicialmente por un posible delito de acoso laboral xunto con outros 7 directivos.

Otero fixo un repaso polas numerosas sentenzas en contra dunha dirección que ten iniciado unha política de “traslados forzosos e castigos” dos traballadores que se teñen “plantado” ante a manipulación política, negándose a alterar os datos económicos ou mesmo que teñen criticado a Feijóo nas súas redes sociais persoais. Alertou de que a dirección do ente mesmo ten chegado a facer unha reserva de orzamento para afrontar as costas das sentenzas en contra.

Sinala que o “desamparo e a situación de estrés que están a padecer os profesionais provoca un elevado número de baixas e procesos xudiciais con sentenzas firmes que constatan unha vulneración de dereitos laborais pola que ninguén responde nin asume responsabilidades”.

A parlamentaria socialista salientou que esta situación de manipulación informativa e acoso laboral ten cristalizado nos venres negros que dende hai cinco anos está a convocar a plataforma Defende a Galega e que ten acadado o apoio do Colexio de Xornalistas de Galicia, Federación de Asociacións de Xornalistas de España -FAPE- ou da Federación internacional de Xornalistas.

Denunciou que a dirección do ente continúa a impedir o cumprimento da Lei galega de medios públicos de comunicación audiovisual, que implicaría a remuda da dirección por un novo equipo de consenso, a creación do Consello de Informativos e o Estatuto Profesional. Acusou a Sánchez Izquierdo de impedir o seu cumprimento para “manter unha CRTVG que lonxe de estar ao servizo do pobo está ao servizo, ás ordes e intereses directos do PP”.

Tamén incumpren a nova Lei Audiovisual aprobada hai un ano no Congreso, que regula aspectos “elementais” como a accesibilidade dos contidos para persoas xordas, a autorregulación para garantir a pluralidade informativa ou a loita contra o machismo.

Otero criticou ademais que na propia Memoria de 2022 que presentou hoxe Sánchez Izquierdo teñan “a osadía” de defender a proximidade da CRTVG cando o ano pasado foi o primeiro exercicio completo sen información local logo do desmantelamento das delegacións. Desmentiu os datos de audiencias nos que a dirección do ente ampara a súa xestión, e que revelan que a canle autonómica non é, en contra do que afirma o director xeral, a canle líder de audiencia acumulada real en Galicia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario