Tomé presentou a estructura de Goberno da Deputación de Lugo

por Redacción Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este mércores na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a estrutura do novo Goberno provincial, así como a organización que rexerá o funcionamento orgánico da institución provincial neste mandato 2023-2027.

“En canto á estrutura do novo Goberno, o criterio que guiou a miña decisión á hora de asignar a delegación das áreas provinciais foi aproveitar os perfís e a experiencia de cada un dos deputados e deputadas para conformar un equipo solvente e áxil co que seguir impulsando o proxecto de progreso social e económico que temos para a provincia de Lugo”, asegurou Tomé Roca. “Un Goberno para ser útiles ós 67 concellos da provincia e, polo tanto, ós veciños e veciñas, como o fomos no pasado mandato, e os datos así o demostran, e tamén para seguir mellorando no que sexa posible, porque, como dixen na miña toma de posesión, o meu compromiso de cara ós vindeiros catro anos é facelo aínda mellor”. “Fomos un Goberno exemplar, tanto dentro como fóra de Galicia”, subliñou.
José Tomé Roca anunciou que ademais das funcións propias da Presidencia (dirixir o Goberno e a Administración, representar á Deputación Provincial de Lugo e presidir todas as comisións, sesións, xuntas de goberno ou plenos, entre outras), continuará dirixindo a área de Xestión Territorial, que inclúe as materias de Vías e Obras, Parque Móbil e Unidade de Proxectos, dentro do seu “compromiso prioritario” coa mellora da mobilidade e do equilibrio territorial.

As restantes áreas son as seguintes:
– Área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo. Pilar García Porto volverá será a Deputada responsable, e tamén continuará como voceira socialista do Goberno.

– Área de Promoción Económica e Social. Continuará ó cargo de Pablo Rivera Capón. Esta área leva aparelladas as materias de Proxectos Europeos, Innovación e TIC,s, Transparencia, Emprego e Benestar Social.

– Área de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas. Desta competencia seguirase ocupando, como nos dous últimos mandatos, Mayra García Bermúdez.

– Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos. O responsable seguirá sendo Xosé María Arias.

– Área de Participación Cidadá. Desta área ocuparase Iván Castro Díaz.

– Área de Muller e Igualdade. Pasará a ser responsable Marisol Morandeira Morandeira.

– Área de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento. Desta competencia ocuparase Miguel Fernández Méndez.

– Área de Medio Ambiente. Dirixiraa Carlos López López.

– Área de Recursos Sostibles. Francisco Cajoto Caserío será o responsable desta área, centrada na xestión da Granxa Gayoso Castro e a Finca de Tor.

Polo que se refire ás áreas provinciais que xestiona o BNG, o Presidente informou das responsabilidades que asume cada deputado:

– Área de Deportes, Artesanía e Deseño, e Memoria Histórica. Continuará ao cargo de Efrén Castro Caloto, Vicepresidente da Deputación.

– Área de Medio Rural, Mar e Mocidade. Asume estas responsabilidades Daniel García Fernández.

– Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística. Dirixiraa Iria Castro Fernández.

Xunta de Goberno, Pleno e comisións informativas
Polo demais, o mandatario provincial informou de que a Xunta de Goberno seguirá estando formada por 9 deputados. Ademais de pola súa persoa, integrarán este órgano: Efrén Castro Caloto, Pilar García Porto, Pablo Rivera Capón, Mayra García Bermúdez, Miguel Fernández Méndez, Xosé María Arias Fernández, Iván Castro Díaz e Daniel García Fernández.

Crearanse dúas Comisións Informativas, coma no anterior mandato: a Comisión Xeral de Asuntos do Pleno e a de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, que presidirá o Presidente e terán 3 integrantes do grupo provincial do PSOE, 3 do PP e 1 do BNG.

Por outra banda, mantense a periodicidade e a hora das sesións ordinarias do Pleno –os últimos martes de mes, ás 11:00h- e das Xuntas de Goberno -o venres de cada semana, ás 11.00h-.

Retribucións e indemnizacións
José Tomé deu conta do réxime de retribucións e indemnizacións ós membros da Corporación Provincial, da asignación económica ós grupos políticos da Corporación e da determinación do cadro de persoal eventual. “Unhas propostas que son equilibradas e xustas, que contribúen á boa e eficaz gobernanza da Deputación para ser o máis útil posible aos concellos e aos veciños, e que garanten que os grupos políticos teñan a capacidade e os medios suficientes para desenvolver a capacidade que lles é propia, dentro da concepción digna da política que sempre defendo”, afirmou.
En canto ao réxime de retribucións e indemnizacións dos membros da Corporación Provincial, mantense o mesmo número de dedicacións do anterior mandato, que son en total 15. Haberá 8,5 dedicacións do Partido Socialista (6 dedicacións exclusivas, 2 parciais do 75% e 2 parciais do 50%), 3 dedicacións do BNG (a do Vicepresidente e 2 dedicacións exclusivas) e 3,5 dedicacións para o Partido Popular (3 dedicacións exclusivas e 1 dedicación parcial do 50%).
A retribución do Presidente será de 75.000€ brutos anuais, un 2,58% máis que no anterior mandato; o Vicepresidente, 68.000€ brutos anuais, un 2,68% máis que no anterior mandato; e os deputados e deputadas con dedicación exclusiva, 60.000€ brutos, 3,42% máis que no anterior mandato.
Polo que respecta á asignación aos grupos políticos da Corporación, o compoñente fixo mensual é de 5.000€ ó mes por grupo político e o compoñente variable é de 2.000€ mensuais por cada membro do grupo político.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario