Únicas funcións en Galicia de Kinky Boots, o aclamado musical gañador de 6 premios Tony e un Grammy, os días 13 e 14 de decembro, cunha posta en escena chea de creatividade, música de Cyndi Lauper e unha potente mensaxe de diversidade e superación
O Auditorio Mar de Vigo convértese esta semana no epicentro cultural da cidade olívica cunha programación que combina teatro musical, danza clásica e arte contemporánea.
Procedente de Broadway, con adaptacións en Londres, América Latina e outros países, este aclamado musical gañador de 6 premios Tony e un Grammy a Mellor Álbum de Teatro Musical, Kinky Boots aterra en Vigo como parte da súa xira nacional con tres únicas funcións os días 13 e 14 de decembro, da man de Theatre Properties en coproducción con Rimas Europe en colaboración co grupo Eventix. Con música da lendaria Cyndi Lauper e un libreto de Harvey Fierstein, a obra, inspirada en feito reais, combina humor, emoción e mensaxes universais sobre a aceptación e a diversidade, ademais de 170 cambios de vestiario, 70 pares de botas icónicas e diferentes coreografías.
O domingo 15 de decembro, o Auditorio Mar de Vigo recibirá ao Ballet Clásico de Cuba coa presentación do seu Gran Suite de Nadal. Este espectáculo, dirixido por Laura Alonso, filla da lendaria Alicia Alonso, reúne a 36 bailaríns que darán vida aos momentos máis icónicos de clásicos como «El lago de los cisnes», «La Bella Durmiente» ou «El Cascanueces». A posta en escena inclúe personaxes emblemáticos como Caperucita Vermella, O gato con botas, o Cisne Negro ou o Bufón de Palacio, creando unha experiencia que combina a técnica impecable da escola cubana de ballet cunha narrativa pensada para encantar tanto aos amantes da danza clásica como ao público familiar.
Ademais, do 13 ao 15 de decembro, o Mar de Vigo acolle a primeira edición de VARCO (Vigo Arte Contemporánea), un gran evento que busca consolidarse como unha referencia no noroeste peninsular. Máis de 30 artistas participarán nesta feira multidisciplinar e interxeracional, na que o público poderá adquirir obras de arte directamente dos creadores e gozar de actividades paralelas como talleres, conferencias e música en vivo. O hall do Mar de Vigo será o epicentro desta feira, con casetas que exhibirán obras de recoñecidos artistas como os pintores José María Barreiro, Antón Sobral e Chelo Rodríguez; o escultor Iván Prieto; e o fotógrafo Xulio Gil, entre outros. Portugal será o país convidado nesta edición, coa participación do artista plástico Ricardo Santos. Ademais, desenvolveranse talleres e actividades para todos os públicos, incluíndo un taller de pintura en seda coa artista Isabel Pintado e conferencias como a de Paula Marino.
Con propostas que van desde o teatro musical ata a maxia da danza clásica e a interacción directa coa arte contemporánea, o Mar de Vigo reafirma o seu compromiso coa cultura en todas as súas expresións. Unha oportunidade única para vivar unha fin de semana chea de creatividade e talento.